Divírtete en Salceda
FEIRAS E FESTAS
Vive a alegría de Salceda nas súas festas
MERCADO semanal
Cada mércores, Salceda de Caselas énchese de vida co tradicional mercado semanal. Este evento, arraigado na cultura local, atrae á veciñanza das sete parroquias e dos Concellos limítrofes, convertendo as rúas do pobo nun bullicioso escenario de comercio e encontro social.
Desde temperás horas da mañá, os postos instálanse na Praza do Concello e na Praza de Abastos, ofrecendo unha variada gama de produtos frescos, artesanía, roupa, calzado e outros artigos. O mercado é un lugar ideal para atopar produtos locais e gozar do ambiente animado e acolledor.
O mercado semanal dos mércores vai irremediablemente ligado á tradición que aínda pervive hoxe en día, consistente en degustar unha tapa de callos nos diferentes establecementos hosteleiros da vila.
festas do cristo

Dende tempos inmemoriais, o terceiro domingo de xullo foi reservado para a celebración na honra ao Cristo das Angurias en Salceda. Dúas semanas repletas de eventos culturais diarios conducen á gran fin de semana festiva. Dende 2010, o «Estourazo» dende o balcón da Casa da Cultura Castelao, en plena Praza do Concello, marca o comezo das festividades. O domingo pola mañá ten lugar o acto cívico para nomear salcedenses distinguidas a diferentes persoas pola súa traxectoria social en Salceda.
festas dos callos

Dende 1993, a Praza do Concello é o escenario desta festividade gastronómica que ten lugar o primeiro domingo de setembro. Anualmente, máis de 20.000 persoas acoden dende toda a xeografía galega e portuguesa para saborear este delicioso prato. Más de 50 persoas voluntarias adícanse a garantir o éxito da festa ano tras ano. Ademais da exaltación gastronómica, a fest serve como excusa para gozar dunha fin de semana repleta de actos culturais e propostas lúdicas.
a camelia

Dende 2008, cada ano celébranse as Xornadas da Camelia, coincidindo co inicio da primavera. Durante este evento exhíbense as múltiples variedades desta flor, mostrando a súa ampla gama cromática, así como o enxeño e inspiración para crear diversas composicións artísticas. Estas xornadas consolidáronse como unha das mostras máis importantes de Galicia, atraendo a participación de máis de 70 expositores/as de todo o país.
rancho de reis e RANCHO DE ENTROIDO
O Rancho de Reis de Salceda é diferente de tódolos demais, e único pola súa formación. Na súa danza, dous danzantes loitan por conseguir a unha dama, nunha competencia por ver quen resulta o mellor bailarín. A dama, representada por unha nena, será a encargada de elixir o gañador, obsequiaráo cunha ribeirá que bailará en exclusiva con el. Os tres compoñentes do rancho utilizan roupas de cores moi vistosas, e chama especialmente a atención a grande cantidade de xoias que loce a dama, e que fai anos se conseguían prestadas nas casas da xente en mellor situación económica (eran xoias de ouro), e que estas persoas prestaban con grande orgullo para que fosen lucidas no Rancho de Reis. Isto implicaba ademais que os Ranchos tivesen que ir sempre acompañados de máis persoas que facían unha labor de “custodia e protección”, polo enorme valor das xoias empregadas. En canto á música, o rancho de reis de Salceda vai acompañados de gaita e caixa.
No caso do Rancho de Entroido, semellante nos seus bailes e que emprega a mesma música, varía a formación do rancho, que neste caso componse de seis danzantes e dúas damas. Así mesmo, a música neste caso complétase coa presenza do bombo.
Logo de diferentes intentos de recuperación por parte de distintos colectivos, dende o ano 2018 é a Asociación Cultural A Feira a encargada de manter viva a tradición tanto do Rancho de Reis como do Rancho de Entroido.
Salceda de Caselas, moito para ofrecer
Patrimonio de Salceda de Caselas
A riqueza patrimonial de Salceda é un tesouro da historia e a cultura, onde o tempo pasado entrelázase co presente.
Contornas naturais
Salceda de Caselas é un tesouro natural que emociona coa súa diversidade paisaxística. Onde a serenidade da natureza fusiónase coa vida cotiá.
O municipio
As parroquias, coas súas tradicións arraigadas e o seu forte sentido de comunidade, reflicten a historia e a identidade de Salceda de Caselas.
Roteiros de sendeirismo
Os roteiros de sendeirismo eríxense como unha invitación para explorar a beleza natural do noso concello.
Entroido de Salceda de Caselas
Con máis de 130 anos de historia, o entroido de Salceda de Caselas converteuse nun dos máis emblemáticos do baixo Miño.