A vida danza ao ritmo da auga, tecendo un tapiz de biodiversidade e serenidade que nos conecta profundamente coa esencia natural da nosa contorna.
O RÍO TINTO
O río Tinto ou Becerreira baña e recolle as augas de gran parte de Budiño (O Porriño) e da vertente oeste de Salceda de Caselas. Poderíase dicir que nace en Budiño (O Porriño ), porque se forma coa unión de dous regatos, un nace na zona de o fondo de A Brava, xusto no límite de Budiño con Salceda e outro no propio Budiño no barrio de A Cruz (O Porriño). Aproximadamente un quilómetro no sentido do curso únese o regato do Pozo da Regadeira, que bordea o norte do faro de Budiño e atravesa o fermoso barrio de Vitureira. Tras pasar por terras de Budiño e a case dous quilómetros e medio se une río o Meixía ou Loureiro e apenas dous quilómetros río abaixo desemboca no Louro na parroquia de San Esteban de Budiño, xa en terras de Salceda e en plenas Gándaras de Budiño, polo que ten grande importancia no aporte hídrico da ZEC.
A vexetación que atopamos é a típica de ríos e regatos da zona, marcada pola composición do solo e o uso da terra. Preto do nacemento, en terras próximas ao faro de Budiño, atopamos comunidades de bosque mixto de piñeiro e eucalipto, con tímida presenza de salgueiro nas marxes. Mestúrase con afloramentos rochosos ou zonas de xabre. A maior parte dos tramos medio e baixo transcorren entre terras destinadas ao cultivo ou pasto, e onde o terreo se mostra con maiores desniveis ou saltos de altura desvíanse as augas para mover muíños. Ademais das árbores habituais de ambientes ripicolas como salgueiro e amieiro atopamos vexetación destinada ás propias labores do agro como os vimbios, ou as canas, estas últimas presentan un grave problema nos ecosistemas polo seu carácter invasor, ao igual que a falsa acacia ou piqueira, naturalizada e moi estendida en certos tramos do río. É sobre todo nestes tramos alto e medio, onde o río se encaixa nas depresións do terreo, que coa cuberta arbórea de bosque atlántico (carballo, loureiro etc.) forma ambientes moi sombríos, con gran floración de fentos e fentas ou musgos dos xéneros Sphagnum, Polytrichum, Leiocola, etc., que en ocasións forman pequenos saltos de auga que deixan fermosas fotografías, como a zona do lago das tartarugas no barrio da Cruz en Budiño.
Xa no último tramo, atópase co polígono industrial de “A Granxa”. Nesa zona, a terra é máis chaira, debido á depresión ancestral que creou o río Louro, e o solo arxiloso, polo que comezan a verse prados inundables, que se poden observar polos xuncos e salgueiros que se abren paso nas veigas que apenas se utilizan, e toman aspecto de gándara e intégranse deste xeito no LIC.
GÁNDARAS DE BUDIÑO
As Gándaras de Budiño actualmente están declaradas coma ZEC (Zona de Especial Conservación; Decreto 37/2014, do 27 de marzo), figura de protección pertencente á Rede Natura 2000. Ocupan arredor de 727 ha dos solos de O Porriño, Tui e Salceda de Caselas.
Formáronse nunha depresión ancestral xerada polo río Louro, e nútrense mediante este e outras canles de auga, superficiais ou subterráneas, procedentes do val que conforman a serra do Galiñeiro e a dos Penedos do Faro de Budiño.
Dende Salceda tamén achegamos auga a este espazo. Estes fluxos hídricos son xestionados polas Gándaras e condicionan o funcionamento destas. Por mor de factores como a orografía, a natureza arxilosa do solo ou o distanciamento coa zona costeira gran parte da ZEC perdeu o carácter ombrotrófico para poder conservar ambientes permanentemente húmidos.
A mediados do século XX, os humidais foron destinados á gandería e á agricultura, polo que se podían executar estas labores grazas a sangras ou canles de drenaxe que cruzaban os campos e descendían o risco de asolagamento e deixaban terras chás e moi fértiles con vexetación típica de gándara.
Foi polos anos 60 cando comezou a expansión industrial na zona e cesaron as labores agropecuarias e con elas o mantemento das sangras, o que provocou a subida do nivel da auga e a proliferación de vexetación palustre.
FAUNA.
As Gándaras de Budiño dan refuxio para un amplo catálogo de aves, moitas delas incluídas nos anexos I e III/2 da Directiva Aves como a cotovía, papoazul, papuxa rabilonga, a garza pequena ou o charneco.
Os anfibios e réptiles acuáticos xogan un rol importante nestes ecosistemas, e atopan aquí hábitats propicios para a cría, algúns deles catalogados no anexo II e IV da directiva Hábitats, como o sapo de esporóns a píntega rabilonga ou o sapoconcho común, catalogado como en perigo de extinción (DOGA 89, 2007) e que nas Gándaras de Budiño goza dunha das poucas poboacións que restan a nivel mundial.
O catálogo de insectos tamén é inmenso, onde destacan os coleópteros acuáticos, dos que hai catalogados ata 10 endemismos e os odonatos (libélulas e cabaliños do demo) con especies ameazadas e de escasa distribución como Coenagrion mercuriale, Gomphus graslinii, Sympetrum pedemontanum ou especies africanas coma Trithemis annulata, que tivo aquí a súa primeira cita en Galicia.
ETNOGRAFÍA E HISTORIA:
Pero non é a única herdanza que chegou ata nós dende a prehistoria, xa que se atoparon xacementos arqueolóxicos da época Paleolítica (18.000-26.000 años a.C.).
A zona é rica en patrimonio etnográfico, con importancia da igrexa da Madalena (s XIX, Ribadelouro, Tui), cruceiros, pontes, pontellas e as poldras (sendeiros elevados feitos en pedra para o tránsito nas épocas de inundación).
USO PÚBLICO> SENDEIRISMO:
As Gándaras de Budiño están atravesadas por varias rutas: a Senda dos Humidais trazada polo Concello de Salceda de Caselas o Roteiro das ribeiras do Louro, o Roteiro das Gándaras de Budiño, ambos trazados polo Concello do Porriño, a ruta de As Greas (GR 58) e o Camiño de Santiago.
RÍO LANDRES
O Río Landres provén do Regato da Lagoela que recolle as augas dos Montes da Brava e do Alto da Forca (San Xurxo) e dos montes de Fontán, da Présa e do Penedo Redondo que conforma o Regato de San Tomé e que xungue augas abaixo pola Ponte de Ameal, e que dan como nacemento do Landres a Poza do Seixo (42º 5`4.32” N 8º33´12”), nun espazo pertencente ás parroquias de Parderrubias e Entenza, área na que conflúe unha senda fluvial de 839 m de longo e que alberga o conxunto etnográfico “Francisco Estévez Martínez” (pai de Martin Sheen). Este foi inaugurado en Marzo do 2015 e conta con cinco muíños: Muíño do Seixo, que se sitúa a carón da Poza do Seixo e que continúa augas abaixo, a través da ponte trazada polo paso da estrada Provincial EP 2505, na área que integra o Matadoiro do ano 1950 e o Lavadoiro do ano 1957; o Muíño do Medio; Muíño do Ghurito, Muíño do Buraco e Muíño das Laxes do Torrón, que aparecen citados no catastro do Marqués de Ensenada do ano 1752, así como a centenaria fonte das Laxas que forma o conxunto do Contorna das Laxes do Torrón acompañado por unha mesa de pedra e bancos. Neste punto conecta co Sendeiro das Greas GR 58 e establécese unha conexión coa Senda Fluvial de Arantei debidamente indicada e ten por desembocadura a paraxe que leva o nome de “Ribeira da Cotella”.
Entre a flora presente no espazo podemos destacar especies como o fento real, fento femia, a xilbardeira, que forman parte do atractivo vexetal que conforma o bosque ripícola do Landres, e que está integrado polas especies que forman parte do río Caselas, no curso fluvial. Entre as especies ripícolas destacamos a presenza de salgueiros, amieiros, carballos e tamén de especies invasivas como un pequeno bosquete de cana de bambú, de cana e de falsa acacia.
Nas súas inmediacións conta cunha pequena carballeira de uso privado na que hai un penedo de dimensións considerables e que acompañan a contorna do Landres coa figura do bosque autóctono.
Micolóxicamente, existe unha gran relación de especies exóticas coñecidas como a xaula e o polbo ao longo do paseo, que abundan en superioridade con respecto ao resto de fungos presentes na zona.
Entre as diferentes especies que podemos divisar están o ferreiriño, a garza real, gaio, e demáis especies comúns que integran estes espazos e xa descritas anteriormente, así como o avistamento de corzos.
RIBEIRA DAS LAMAS, REGATO DA LAGOELA
Moi preto do casco urbano de Salceda de Caselas atopamos una fermosa paisaxe que acompaña ao regato da Lagoela Caselas (Lat. 42° 6’8.43″N, Lonx. 8°33’50.47″O), afluente do Landres. A zona das Lamas recolle a área fluvial do regato da Lagoela que vai dende as pistas polideportivas ata o actual aparcamento existente na Lagoela, a pesar de ser un pequeno regato, achega un gran nivel de humidade ao terreo e co paso dos anos a auga foi formando unha depresión na zona, a cal as infraestuturas circundantes como peches de fincas con pedra, colexios, estradas, reduciron a un tramo aproximado de 350 m.
Podemos ver nese espazo como acompaña a este regato unha paisaxe de bosque pantanoso ou humidal, formado por carballos, amieiros, vimbieiras e como árbore principal o salgueiro, que deixa algúns cun fermoso porte. O sotobosque é turboso cheo de fentos, fentas, xuncos e demais vexetación típica de zonas húmidas, así o mostra tamén o musgo que recobre cada tronco e cada pedra da zona.
Paseando pola ribeira podemos atopar paxaros típicos da zona como tordos, merlos e paporrubios, tamén parece un ambiente propicio para os anfibios como a ra ibérica.
REGATO DA FRAGA
Na parroquia de Entenza (Lat. 42º 5′ 1,31” N, Lonx. 8º 34′ 6,58” O) atopamos o regato de Fraga, que serpea entre grandes formacións graníticas e deixa un fermoso enclave de dous quilómetros e medio antes de unirse ao río Caselas.
É un tramo de case 400 m, no que primeiro pasa por debaixo dun enorme penedo de aproximadamente 232 m2 de superficie descuberta, e forma unha curiosa e pintoresca cova, máis abaixo detense na poza de Fraga, onde se desvía parte para regadío. Segue o seu curso pasando entre penedos de distintos tamaños, sobre os que esculpe con axuda do paso da auga e do tempo canles e fendas que dan lugar a pequenos saltos a modo de fervenzas.
O percorrido do regato está marcado por unha depresión no terreo que forma un pequeno val, é un ambiente moi húmido, con enormes exemplares de fieitos vivindo entre carballos e loureiros, tamén podemos observar recubrindo as caras menos expostas dos penedos musgos do xénero Sphagnum e embigo de Venus. Entre fauna que se atopa na zona están anfibios como a píntega, limpafontes verde, ra común ou a ra patilonga, un endemismo do terzo nor-oriental ibérico. A poza da Fraga, ao estar nunha zona soleada crea un ambiente ideal para algunha ave típica que se adoita ver preto da auga como a lavandeira real ou as carrizas, e por suposto se hai auga réptiles acuáticos como a cobra viperina ou odonatos de augas estancadas como algún Pyrrhosoma ou Sympetrum.
FONTE FERREIRA
No barrio de O Madorro atopamos a zona da Fonte Ferreira (Lat. 42° 4’4.62″N, Lonx. 8°35’31.61″O) chamada igual que o regato que transcorre o seu carón.
É unha pequena zona cunha fonte humanizada en granito cunha pequena mesa tamén de pedra na fronte. Nunha parte escaleirada con esta hai un pequeno recinto pechado con randeeiras. Facendo esquina con estes pequenos espazos e dando sombra sobre a mesa hai un amieiro cun ancho tronco e pequena copa.
A vexetación da zona correspóndese con bosque de ribeira, no que predominan o salgueiro, acompañado de herbáceas típicas como a cicuta. Fonte Ferreira a pesar de ser un modesto regato, deixa bastantes paisaxes húmidas na zona, como os bosquetes pantanosos que se poden ver regato arriba na zona do muíño de Cernadas, antigas fincas que se deixaron de traballar e se emboscaron con salgueiros e loureiros rapidamente, e deron acubillo a multitude de paxaros como merlos, ferreiriños, paporrubios ou carrizas.
O regato no seu curso cara ao Miño, a uns metros deste enclave, pasa polos muíños do Capitán e do Fuchaco.
FONTE DAS CARBALLAS
Unha contorna recentemente recuperada é a que corresponde á Fonte das Carballas(Lat. 42° 6’8.76″N, Lonx. 8°33’24.80″O), un espazo sito nas proximidades da Casa do Concello, Esfarrapada, e que mostra un punto de enlace óptimo para a conexión coa senda fluvial Valentín Paz Andrade.
Este espazo conta coa presenza dunha fonte, acondicionamento de bancos, xunto cun espazo de graffitis que conta con varias temáticas e que acollen no espazo dende a baixada a través das escadas ademais de no propio espazo de lecer.
Conta cunha poza de regadío que presenta especies higrófilas como espadainas, poboada pola ra común, que incrementou notablemente a súa poboación dende a recuperación do espazo e da salubridade da poza e mellorou a calidade da auga. O espazo ao estar rodeado por unha área de uso agrícola recibe a constante visita de paporrubios, merlos, pegas e especies que precisan de espazos ripícolas para o seu desenvolvemento.
FONTE DE AGÜÍN
Pequeno espazo situado na parroquia de Entenza (Lat.42º 4′ 36,02” N, Lonx. 8º 33′ 3,36” O) que conta cunha extensión de aproximadamente de 950 m2, e é onde comeza a senda Fonte Agüín – Muíño Picado.
A auga que mana dunha fronte construída en granito, segue o seu curso natural que é desembocar no río Caselas, que cruza apenas a 200 metros ao sueste, pero antes enche un lavadoiro de pedra e seguidamente a poza de Agüín destinada a regadío, xa que as terras circundantes están dedicadas ao cultivo e o pasto.
A área está adaptada como zona de lecer, e foi dotada con mesas de pedra e balaústres de madeira, a modo de protección ou marcando os distintos niveis de altura que ten. A pesar da humanización, foi respectada a flora arbórea existente, polo que se poden ver dous fermosos Carballos, pero tamén algunha árbore ornamental como liquidámbar ou plátano de sombra.
A combinación de auga corrente e encharcada deixa moitas posibilidades cara a cría de distintas especies de odonatos, xa que algunhas son moi selectivas no seu estado ninfal. Tamén é un ambiente ideal para anfibios como os limpafontes comúns, os limpafontes verdes ou a ra común.
Salceda de Caselas, moito para ofrecer
Unha oferta turística de calidade espérache no noso municipio
Patrimonio de Salceda de Caselas
A riqueza patrimonial de Salceda é un tesouro da historia e a cultura, onde o tempo pasado entrelázase co presente.
Feiras e festas
As feiras e festas de Salceda son un colorido encontro onde a alegría e a tradición fusiónanse en cada recuncho do noso concello.
Contornas naturais
Salceda de Caselas é un tesouro natural que emociona coa súa diversidade paisaxística. Onde a serenidade da natureza fusiónase coa vida cotiá.
O municipio
As parroquias, coas súas tradicións arraigadas e o seu forte sentido de comunidade, reflicten a historia e a identidade de Salceda de Caselas.
Roteiros de sendeirismo
Os roteiros de sendeirismo eríxense como unha invitación para explorar a beleza natural do noso concello.
Entroido de Salceda de Caselas
Con máis de 130 anos de historia, o entroido de Salceda de Caselas converteuse nun dos máis emblemáticos do baixo Miño.