Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

As formacións xeolóxicas de Salceda de Caselas son testemuñas silenciosas do paso do tempo, esculpidas pola paciente man da natureza.

FARO DE BUDIÑO E MONTES DE SAN CIBRÁN

Os montes de San Cibrán constitúen unha pequena serra que actúa como fronteira de Salceda de Caselas cos concellos de Ponteareas e O Porriño, e así se recollía nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento (NCSP) no DOG 117, 20/06/1991 páx. 5553, para a provincia de Pontevedra, onde se delimitaban os espazos naturais desta provincia, e se recollían zonas limítrofes como O Castelo de Cans e o Faro de Budiño.

É un conxunto de gran valor ecolóxico, paisaxístico e histórico caracterizado polos enormes afloramentos rochosos.

San Cibrán está situado na Parroquia da Picoña (Lat. 42º 8′ 35,71”N, Lonx. 8º 33′ 44,53”O) cunha altitude de 423 m, comprende unha extensión aproximada de 58.430.000 m2 dos que parte están en terras do concello de Ponteareas -parroquia de Guláns.

ETNOGRAFÍA E HISTORIA.

O cruceiro que preside o alto de San Cibrán, data do 1900, como reza unha placa onde se mencionan as parroquias que asistiron á bendición da Cruz. Outra mostra de patrimonio histórico da zona é a Capela, xa en terras de Ponteareas, onde se celebra unha misa o último domingo de maio e o 16 de setembro, día de San Cibrán. En homenaxe, as dúas parroquias, A Picoña e Guláns, celebran sendas romarías neses días.

Como se comentou esta zona elevada está ateigada de rexistros históricos, de entre os que destacan nos arredores da Capela de San Cibrán os restos da cultura castrexa do Castro de San Cibrán, unha antiga fortaleza de 280 x 240 m, na que se utilizaron os penedos existentes combinados con cachoteríae cascotes de pedra da zona.

MONUMENTOS PÉTREOS.

Sen dúbida este espazo destaca paisaxisticamente pola presenza de afloramentos rochosos de soberbias dimensións así como bolos graníticos ou penedos que semellan modelados por un deus escultor.

O COTELLO

O espazo natural de Cotello (Lat.  42° 5’17.58″N, Lonx.   8°33’9.43″O), en Entenza, coincide nun pequeno tramo da ruta das Greas (Gr 58), e transcorre por unha paisaxe típica do suroeste galego rural, camiños herbosos en ocasións encaixados en noiros de terra, ou laterais empedrados nos que se van alternando carballos con magníficos portes, pequenas agrupacións de loureiros, bosque mixto de piñeiro e eucalipto, veigas con plantacións de viñas, pastos ou salgueiros, nas zonas próximas ao regato que cruza cara ao río Landres. É unha encrucillada de sedeiros, paso de carros ou pedestres, moitos deles con encanto, xa que están delimitados por pedras ou pequenos muretes, que coa vexetación e humidade da zona nas zonas máis sombrías se recobren de musgos e dan fermosas fotografías. Percorrendo estes camiños cara ao sur, vaise notando como aparecen afloramentos rochosos, que chegan incluso a mesturarse coas casas dos barrios limítrofes.

A fauna é moi variada, xa que ao haber zonas de cultivo, hai pequenos roedores como ratos de campo, cos que aparecen os seus depredadores como o lagarteiro peneireiro. En canto a aves, podemos atopar pegas, corvos, gaios, merlos, torcazas ferreiriños, carrizas e incluso se observaron faisáns.

O regato crea pequenas charcas onde podemos atopar anfibios como a rá común ou o sapiño pinto, que se esconde entre as herbas dos pastos.

A flora fúnxica na zona é moi variada debido á abundancia de carballo e piñeiro, moitos deles moi lonxevos, baixo os que podemos atopar un amplo catálogo de cogomelos, algúns deles interesantes e comestibles, níscaros, andoas, cantarelas, etc. Tamén nas zonas de cultivo é doado atopar fungos de interesante valor culinario coma champiñóns de campo, sendeiriñas ou Stroparia rugosoannulata.

 

PENEDO DA CERDEIRIÑA

O espazo do  Penedo da Cerdeiriña (Lat. 42º 5’18,27” N, Lonx. 8º 34’24,33” O). acolle un dos puntos máis estratéxicos de Parderrubias como miradoiro, que permite obter unha clara visión da parroquia, na que destaca principalmente a visualización dos barrios de A Revolta, Pantel, O Agro, O Piñeiro e Pedrabuxiña.

Acollida no Plan de Ordenación de Montes como unha área de Protección, destaca a plantación de carballo americano e a cerdeira que realizan o acompañamento visual na subida ao Penedo. O piñeiro é a especie que o bordea na súa parte máis elevada ao Penedo, no sotobosque as especies máis abundantes neste espazo son as gramíneas, fento común, toxo, silveiras e queirogas.

A superficie que acolle esta área de protección é de 2,81 has, das cales 0,82 has pertencen ao complexo formado polos Penedos, que conforma o ascenso ao Espicho do Faro, unha das áreas recreativas que unifica a división entre a parroquia de Parderrubias e de Entenza. Nesta contorna podemos destacar a elevada presenza de Penedos que crea un medio paisaxístico peculiar e goza da presenza de musgos e liques nas áreas de avesedo, que xunto con pequenos bosquetes de carballos representan pequenos puntos de fragas, que representan ao bosque típico galego.

 

Salceda de Caselas, moito para ofrecer

Unha oferta turística de calidade espérache no noso municipio

Feiras e festas

Feiras e festas

As feiras e festas de Salceda son un colorido encontro onde a alegría e a tradición fusiónanse en cada recuncho do noso concello.

Contornas  naturais

Contornas naturais

Salceda de Caselas é un tesouro natural que emociona coa súa diversidade paisaxística. Onde a serenidade da natureza fusiónase coa vida cotiá.

O municipio

O municipio

As parroquias, coas súas tradicións arraigadas e o seu forte sentido de comunidade, reflicten a historia e a identidade de Salceda de Caselas.

Roteiros de sendeirismo

Roteiros de sendeirismo

Os roteiros de sendeirismo eríxense como unha invitación para explorar a beleza natural do noso concello.

Entroido de Salceda de Caselas

Entroido de Salceda de Caselas

Con máis de 130 anos de historia, o entroido de Salceda de Caselas converteuse nun dos máis emblemáticos do baixo Miño.

Share This