Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

Nos espazos etnográficos de Salceda de Caselas, créase un tecido cultural único que nos transporta a tempos pasados conectándonos coa esencia da comunidade.

ESPAZO ETNOGRÁFICO DE CABREIRA

No transcurso do paso do río Caselas a través da parroquia de Cabreira (Salvaterra de Miño) segue o seu curso pola área recreativa próxima ao Centro Cultural Xerme de coordenadas (42º5`45.76”N, 8º32´54.75”O) , no barrio do Río. Este espazo conecta a Senda fluvial do Río Caselas na zona de As Regadas e está formado por unha área que conta co edificio do Centro Cultural Xerme, un campo de fútbol asfaltado, área de parque infantil xunto co espazo natural determinado polo río que conta cunha ponte asfaltada que conecta co barrio da Serra (Salceda de Caselas).

O espazo conta co ensanche da canle do río que antigamente se pechaba a través dunha comporta na época do verán e servía como sistema de regadío e goce ao ser considerada como unha área fluvial.

Conta cunha área recreativa na marxe do río cun equipamento de asadeiros, mesas e bancos baixo unha cuberta formada por especies como salgueiros, amieiros, plátanos, alerces, carballos, sabugueiros, falsa acacia, acacia negra, piñeiros, castiñeiros, castiñeiro de Indias, ciprés de Lawson, que conforma un dosel arbóreo pechado e proporciona sombra a área.

Esta área está situada nas proximidades do Centro de Desenvolvemento Local de O Torrón situado coa Senda Fluvial do Río Landres que leva por nome Francisco Estévez.

MUIÑO DO PANTEL

Na parroquia de Parderrubias, na zona da Revolta, atópase o Muíño e a fonte do Pantel (Lat. 42° 5’7.30″N, Long. 8°35’8.64″O).

O Muíño do Pantel inicia unha área de bosque de ripisilva que bordea ao regato de Fonte Ferreira e se estende ao longo da parroquia de Soutelo.

O muíño está alimentado por unha característica poza feita con pastas de granito, ambos enlazados por unha canle tamén de pedra toda recuberta de musgo. A fonte está ao lado do muíño.

Na zona destacamos a cor verde, constante todo o ano, xa que é un lugar sombrío e húmido, onde proliferan todo tipo de musgos que recobren os troncos das árbores, as pedras ou o solo. A vexetación predominante coincide cun bosque de ribeira, amieiros, salgueiros, carballo, a pesar de poder ver outros como unha figueira que nace pegada ao muíño. Tamén son moi comúns os fieitos, máis abundantes no curso do regato que cruza este espazo e no que forma a auga que emana da fonte.

MUIÑOS DO REGUEIRO DO SILVAL

É un interesante e fermoso espazo, da parroquia da Picoña situado á beira do río Caselas (Lat. 42° 8’10.69″N, Lonx. 8°34’13.11″O) que coincide, cando este deixa os montes do seu nacemento e comezan a aparecer os núcleos de vivendas, neste caso dos barrios de Loureiro ao este e A Fraga no oeste. Componse de varios muíños en fase de recuperación e pequenos regatos e nacementos de auga que lle chegan ao Caselas por ambos lados en forma de pequenos saltos de auga, debido á pendente existente, xa que neste tramo o río se encaixa nun pequeno val formado polos barrios antes mcionados. A auga desvíase do río e encarréirase paralela a este pero a distinto nivel, e que vai pasando aos muíños por fermosas canles de pedra.

A vexetación que atopamos é potencialmente de bosque de galería, amieiros e salgueiros, tamén vimbios, e algo de carballo e loureiro, co sotobosque herboso que en primavera se enche de pequenas flores habituais de ríos e regatos como prímulas e violetas. Ao estar encaixado e recuberto de árbores é unha zona sombría e é doado topar distintos tipos de musgos, PolytrichiumPseudoscleropodium, etc., recubrindo solos, pedras e troncos.

No entorno atopamos que a parte alta está poboada maioritariamente por bosque mixto de piñeiro, eucalipto, castiñeiro e canto máis baixo os terreos xa se destinan a cultivo ou pasto con moita presenza de viña.

A zona é un dos puntos de paso da ruta dos montes de San Cibrán (PR-G132), onde se habilitaron paneis interpretativos con información sobre a parroquia e os muíños.

RUBINDO, PARQUE ETNOGRÁFICO FONTE-MUIÑOS DO REGUEIRO

Este espazo está situado en San Esteban de Budiño (Latitude 42° 5’25.87″N, Lonxitude  8°36’46.41″O) e segue o curso do regato denominado Meixía ou Loureiro.

Pártese dunha area de lecer, recentemente acondicionada, con fonte, mesas de pedra e fermosas canles de pedra para guiar a auga, poboada con carballo dos pantanos. Regato abaixo imos atopando tres muíños graduados, tamén recuperados, ata chegar a un salto de auga que sobre todo en épocas de chuvia deixa unha fermosa estampa.

A vexetación potencial do paseo correspóndese con bosque atlántico húmido, carballo, loureiro, mesturado con vexetación de ribeira, amieiros, salgueiro e a medida que se vai baixando a paisaxe vai tomando aspecto de Gándara coa presenza de pastos con solos moi húmidos, encharcadizos e incluso algún chopo, ou bosque pantanoso de salgueiros, hai que lembrar a proximidade do ZEC, Gándaras de Budiño desta zona.

A presenza de auga corrente, no regato, e estancada nunha pequena poza na zona de lecer, fai que sexa un sitio ideal para fauna acuática, odonatos, coleópteros acuáticos, anfibios, etc.

A vexetación da zona motiva o crecemento da comunidade fúnxica, coa presenza de carballos, cun amplo catálogo de fungos asociados ou árbores riparios que xa establecen micorrizas con especies máis específicas como o xénero Naucoria.

Nos antigos colexios habilitouse un centro de interpretación, e ademais forma parte da senda dos humidais organizada polo Concello de Salceda de Caselas.

MUIÑOS DO BACÓN

Este espazo conta con gran valor tanto ecolóxico como etnográfico, xa que no curso do regato Bacón, afluente do río Caselas (Lat.  42° 7’14.83″N, Lonx. 8°34’14.46″O) atopamos unha serie de muíños (Bacón, Congostas e Carneiro), unha poza e cortellas, nunha fermosa fraga, rodeada de socalcos con antigos muros de pedra. Na contorna domina a cor verde, xa que é unha zona sombría, recuberta por arborado maioritariamente composto por carballo e loureiro pero as alóctonas comezan a gañar espazo. No sotobosque medran fentos nas zonas máis próximas á auga, xibardas, cistáceas, xestas e toxos, os últimos nas zonas máis afastadas. As construcións, actualmente en estado ruinoso, así como os muros que forman os numerosos socalcos colonizáronse con musgos, couselos e hedras, todo isto regado polo Bacón e os numerosos nacentes da auga das paredes pedregosas da zona.

No solo atopamos a influencia do granito, tan importante en zonas próximas como a do Faro de Budiño, que nestas terras se amosa en forma de xabre.

Os camiños que parten ou chegan a este punto, cara A Picoña ou San Xurxo, son estreitos e están acompañados por solos empedrados, laxas de granito marcando os laterais e bóvedas formadas por carballos, loureiros ou en ocasións viñas, o que lle dá un encanto especial e que fai que mereza a pena recorrelos.

A fauna da zona é a mesma que a das zonas próximas coma o Faro de Budiño ou As Conforcadas e posiblemente sirva de paso ao xabaríl cara as zonas de cultivo próximas. A poza supón un bo punto de cría para anfibios xa que non se limpa regularmente e con eles os seus depredadores como a serpe de auga.

É un dos puntos destacados da ruta dos Montes de San Cibrán (PR-G 132), que comeza a un quilómetro escaso regato arriba.

castelo de entenza

Na parroquia de Entenza, na zona de O Castelo, lugar de A Torre ( Lat. 42º 5′ 1,16” N, Lonx. 8º 33′ 16,52” O), atopamos un dos lugares con máis contido histórico de Salceda de Caselas, pois ademais dos restos arqueolóxicos existentes, mostra prehistórica das primeiras culturas que habitaron Galicia (cultura galaico-romana), temos os restos do Castelo de Entenza, xa da idade media.

Este castelo (na época era propiedade da igrexa de Tui e pretendido pola nobreza) é un dos varios cos que contaba o enigmático territorio do Turonio ou Toroña, para defensa fronte a pobos hostís que entraban por mar. É curioso observar que a parte máis alta da zona é o Espicho do Faro con 212 metros de altitude, fronte os 120 metros do castelo, isto deixaríanos o Espicho como unha perfecta zona de vixilancia para o castelo.

Na actualidade só se pode apreciar unha zona emboscada, con árbores típicos de bosque atlántico, carballos, espiños brancos e loureiros, mesturados con algunha especie introducida como eucaliptos, acacia preta ou mimosa. Todo cun sotobosque de matogueira, urces, toxo e xestas. Tamén se pode observar algunha árbore de preferencias máis mediterráneas como érbedos ou sobreiras, destas últimas cabe destacar unha moi próxima ao castelo cun espectacular porte.

Acompañando os restos do castelo atopamos tamén os vestixios dunha canteira abandonada, e que debido ao solo principalmente granítico, na zona, é doado atopar grandes afloramentos rochosos convivindo coa vexetación e incluso cos inmobles do núcleo urbano próximo.

Salceda de Caselas, moito para ofrecer

Unha oferta turística de calidade espérache no noso municipio

Feiras e festas

Feiras e festas

As feiras e festas de Salceda son un colorido encontro onde a alegría e a tradición fusiónanse en cada recuncho do noso concello.

Contornas  naturais

Contornas naturais

Salceda de Caselas é un tesouro natural que emociona coa súa diversidade paisaxística. Onde a serenidade da natureza fusiónase coa vida cotiá.

O municipio

O municipio

As parroquias, coas súas tradicións arraigadas e o seu forte sentido de comunidade, reflicten a historia e a identidade de Salceda de Caselas.

Roteiros de sendeirismo

Roteiros de sendeirismo

Os roteiros de sendeirismo eríxense como unha invitación para explorar a beleza natural do noso concello.

Entroido de Salceda de Caselas

Entroido de Salceda de Caselas

Con máis de 130 anos de historia, o entroido de Salceda de Caselas converteuse nun dos máis emblemáticos do baixo Miño.

Share This