Os Bosques, verdadeiros gardiáns da biodiversidade
CARBALLEIRA DE A LAXE
Fermosa formación de Carballos centenarios sita na parroquia de San Xurxo, no barrio de A Laxe (Lat. 42º 6′ 50,95”; Lonx. 8º 33′ 30,68” O). Forma parte dun recinto propiedade dos veciños de San Xurxo, pero a zona destinada a área recreativa ocupa arredor de 3300 m2, o núcleo de carballos tamén se estende cara ao río e ocupa uns 5700 m2, sendo estes últimos privados.
A zona está destinada a área de lecer, dotada de mesas de pedra, asadeiros, randeeiras, e unha fonte feita man a man polos veciños de A Laxe, todo cercado por un balaústre de madeira. No interior atópase o conxunto, que está formado por 21 Carballos centenarios de gran porte, pois o perímetro dos troncos é de 2,20 m de media e o que aparenta ser mais alto supera os 20 m. Entre estes monumentos podemos atopar un único Cerquiño ou Rebolo, posiblemente sexa o máis lonxevo de Salceda de Caselas. Os troncos centenarios destas árbores, todas elas de singular beleza, albergan toda clase de vida, onde destaca a presenza do escornabois ou vacalouras, para os que a madeira morta dos carballos é de vital importancia para estes coleópteros. Tampouco é raro atopar nesta carballeira fungos micorricicos asociados ás árbores como fungos do xénero Boletus, moi interesantes na micogastronomía ou os temidos Cortinarius orellanus Fr. e Amanita da morte, que a pesar do perigo que supón a súa inxestión, estas asociacións son moi importantes para o equilibrio natural da carballeira. Tamén atopamos fungos encargados de reciclar os restos de materia orgánica do medio, como as zarrotas ou o pé azul. Por suposto, nos troncos cavernosos e tortuosos destes carballos tan antigos, tamén aparecen fungos parasitos típicos de frondosas como o fígado de boi.
Ao este da carballeira, estrada arriba, atópase o espazo de Curuxeiras, onde está o campo de fútbol co mesmo nome. Ao redor, domina o bosque mixto de piñeiro e eucalipto pero se baixamos cara a carballeira observamos unha interesante paisaxe composta por prominentes formacións graníticas (Laxes) que lle dan nome ao barrio. Estes monumentos pétreos, combinados coas depresións formadas polo curso da auga de fontes como a do Pozón ou numerosas minas, crean uns ambientes húmidos onde conviven carballos, salgueiros e loureiros, onde é habitual atopar gran variedade de fieitos e musgos do xénero Sphagnum ou Polytrichium. Este tipo de ambiente é o ideal para anfibios como a píntega, que sofre numerosos atropelos na estrada en época de cría ou o sapo comadrón ibérico nas zonas onde o granito está en avanzado proceso de descomposición e se atopa en forma de terra de xabre.
CARBALLEIRA DE XABARÍS
A súa importancia vén derivada da presenza dunha carballeira cos carballos de maior lonxevidade do Concello e que se atopan en bo estado de vigorosidade con idades superiores a 100 anos, dos cales o de maior idade, de 220 anos, é probablemente o segundo carballo máis lonxevo do concello precedido polo de San Bieito sito no Pazo de Pegullal. (Lat. 42° 6’50.65″N, Lonx. 8°32’48.22″).
O espazo consta de elementos que o confiren como área de lecer con mesas e bancos de pedra, dispostos sobre tres terrazas expostas ante unha elevada pendente do terreo, entre o que podemos destacar especies que cohabitan como a xilbardeira, acivro, cipreses, queirogas e rubideiras que percorren gran parte do solo.
Nas súas proximidades sitúanse o lavadoiro e fonte de Xabarís que están separados pola estrada provincial da Deputación, e que forman parte do entorno situado nas proximidades do Pazo de Avalle, e que se sitúan na outra marxe da estrada por un complexo formado por unha fonte que data do ano 1912 e o lavadoiro, así como os restos do muíño Carallou. O regato que pasa pola zona é o Ameixoa, que alberga especies de flora como amieiros e salgueiros e de fauna como a ra patilonga e o limpafontes común.
Por este espazo transcorre o sendeiro de gran percorrido GR-58.
SOBREIRAS DA ASCENSIÓN
Na parroquia de Entenza, no barrio da Ascensión, a 105 metros de altitude, atopamos unha capela bautizada co mesmo nome (Lat. 42º 4′ 33,98” N, Lonx. 8º 33′ 59,56” O). Ao redor dela levántase una espectacular formación de sobreiras. O conxunto está formado por 5 árbores pero sen dúbida hai que destacar as dúas que se atopan no lado sueste da capela, non en van foi proposta para o catálogo de árbores senlleiras de Galicia pola A.C.D.E. Trezecatorze, de Salceda de Caselas.
O recinto está formado por un palco situado no noroeste, cun pequeno torreiro pavimentado na fronte, unha zona con asadeiros e mesas de pedra e a zona principal, que é a da Capela da Asunción rodeada polas sobreiras. A máis grande, que ten 7 metros de diámetro na base e seis á altura do peito, acada unha altitude de 14 metros e a copa é de aproximadamente oito metros de diámetro. A idade estimada destas árbores é de 400 anos. Ademais das sobreiras, completan o catálogo arbóreo da zona un par de plátanos de sombra, unha acacia preta e unha vella cerdeira. Como valor natural engadido, e asociado ás Sobreiras, frutifica un interesante fungo, a cicuta branca variedade decipiens, unha variedade ata o momento inédita en Galicia.
Ademais do valor ecolóxico destas árbores, dado o seu gran tamaño e espectacular porte, hai que destacar o seu valor histórico, pois posiblemente as sobreiras foran plantadas na época en que se construíu a capela alá polo 1604. Ademais, hai datos que recollen que nesas terras estiveron asentadas as tropas españolas na guerra da Independencia (1808-1814), comandadas polo Abade de Couto, Don Mauricio Troncoso de Lira, para arrebatarlle a praza de Tui aos franceses.
CARBALLEIRA DE BUDIÑO
Localízase na parte posterior á igrexa de Santo Estevo de Budiño (Latitude 42° 5’54.74″N; Lonxitude 8°36’19.24″O) e preto da área determinada polo torreiro da igrexa dende o que existe un acceso a través dun camiño que conduce ao espazo da carballeira composta por 10 individuos de elevado tamaño, xunto cos restos do palco da música antigo, o espazo está principalmente composto por especies acompañantes, pés illados, como a acacia negra e a falsa acacia. Rodeando unha parte da zona atópase un dosel arbóreo composto maioritariamente por eucaliptos.
Este terreo de propiedade eclesiástica mostra unha carballeira con exemplares de gran tamaño que recentemente foron sometidos a unha poda intensiva.
O camiño que conduce ao torreiro onde se celebra actualmente a festa da parroquia, caracterizado principalmente pola presencia de plátanos que bordean o torreiro.
Salceda de Caselas, moito para ofrecer
Unha oferta turística de calidade espérate no noso municipio
Patrimonio de Salceda de Caselas
A riqueza patrimonial de Salceda é un tesouro da historia e a cultura, onde o tempo pasado entrelázase co presente.
Feiras e festas
As feiras e festas de Salceda son un colorido encontro onde a alegría e a tradición fusiónanse en cada recuncho do noso concello.
Contornas naturais
Salceda de Caselas é un tesouro natural que emociona coa súa diversidade paisaxística. Onde a serenidade da natureza fusiónase coa vida cotiá.
O municipio
As parroquias, coas súas tradicións arraigadas e o seu forte sentido de comunidade, reflicten a historia e a identidade de Salceda de Caselas.
Roteiros de sendeirismo
Os roteiros de sendeirismo eríxense como unha invitación para explorar a beleza natural do noso concello.
Entroido de Salceda de Caselas
Con máis de 130 anos de historia, o entroido de Salceda de Caselas converteuse nun dos máis emblemáticos do baixo Miño.