AS SETE PARROQUIAS DE SALCEDA DE CASELAS CONTAN CON ÁREAS RECREATIVAS ABERTAS AO PÚBLICO PARA O SEU USO POR PARTE DA VECIÑANZA
a poza do cabalo
Nos montes da Picoña, no camiño que sube a San Cibrán (Lat. 42º 8′ 4,77” N, Lonx. 8º 33′ 24,80” O) pódese atopar un pequeno espazo de aproximadamente 2800 m2 chamado A Poza do Cabalo.
Para crear este espazo adaptouse unha zona plana nun terreo de bastante pendente, no que se salvou o desnivel cun muro de pedra onde se sitúan os asadores. Tamén conta con mesas de pedra, unha fonte e un depósito de auga feito de formigón que é destinado a balsa contra incendios.
O espazo está repoboado con árbores relativamente novas e destinadas á sombra que ademais son ornamentais como plátanos de sombra, falso plátano, chopos, chopo branco, tileiros, rododendros, e tamén se poden atopar exemplares illados de falsa acacia, freixos ou un piñeiro de Alepo situado na entrada da área. Debido á humidade creada polos desbordes da fonte e a poza, tamén medran bastantes salgueiros.
Os arredores da área recreativa son ideais para o sendeirismo, e por ela transcorre o sendeiro das Greas (GR 58).
área recreativa do rubal
É unha pequena zona de lecer propiedade da veciñanza da Picoña, que está ao lado do campo de fútbol da parroquia, e do río Caselas (Lat. 42° 7’11.31″N, Lonx. 8° 33′ 46.99″O).
O espazo coincide na altura na que se cruza o río por unha pontella de madeira e ten mesas de pedra, asadores, randeeiras, unha fonte e unha lagoa artificial. O arborado é unha mestura da vexetación de ribeira con ornamentais, seguramente plantados para obter sombra, como pradairos, plátanos, tileiros e chopos, polo que o sotobosque ten un carácter herboso.
É un bo lugar para observar fauna acuática, moi variada e influenciada pola proximidade do río Caselas e a pequena charca, xa que así hai auga corrente e estancada, aspecto importante para o ciclo vital dos odonatos. As especies máis comúns da zona son Orthetrum coerulescens, Ischnura graellsii ou a africana Crocothemis erythraea preto da poza e Calopterix virgo, Calopteryx haemorrhoidalis, Onychogomphus uncatus ou Pyrrhosoma nymphula xa cara ao río Caselas. Tamén na poza, observouse a inofensiva serpe de auga e ra común. En canto a aves tamén hai unha mistura de paxaros que observamos polo río con especies de zonas de veigas e pastos, sendo as máis comúns as torcazas, merlos e paporrubios.
monte de san cibrán
Este alto ten unha peculiaridade, que é que unha parte pertence á parroquia de Guláns (Ponteareas) como é a ermida do século XVIII, e a outra parte, na que se atopa a área recreativa pertence á parroquia da Picoña. De feito as dúas parroquias celebran unha curiosa romaría «a dúas bandas» na honra de San Cibrán dúas veces cada ano: o último domingo do mes de maio e o domingo mais próximo ao 16 de setembro, nas que centos de persoas se achegan a gozar dun día de festa e a participar desta rivalidade entre as dúas parroquias.
Pero sen ningunha dúbida o que máis chama a atención son as enormes rochas que compoñen o lugar, como a chamada «Penedo Grande» que parece un gran melón partido pola metade e que é aproveitado polas persoas afeccionadas para facer rápel.
Os montes de San Cibrán constitúen unha pequena serra cunha altitude máxima de 423 metros.
carballeira da laxe
Fermosa formación de Carballos centenarios sita na parroquia de San Xurxo, no barrio da Laxe (Lat. 42º 6′ 50,95”; Lonx. 8º 33′ 30,68” O). Forma parte dun recinto propiedade da Comunidade de Montes de San Xurxo. A zona destinada a área recreativa ocupa arredor de 3300 m2, pero o núcleo de carballos tamén se estende cara ao río e ocupa uns 5700 m2, sendo estes últimos privados.
A zona está destinada a área de lecer, dotada de mesas de pedra, asadeiros, randeeiras, e unha fonte feita man a man pola veciñanza da Laxe, todo cercado por un balaústre de madeira. No interior atópanse os 21 carballos centenarios de gran porte. Entre estes monumentos podemos atopar un único Cerquiño ou Rebolo, que posiblemente sexa o máis lonxevo de Salceda de Caselas.
Se baixamos cara a carballeira observamos unha interesante paisaxe composta por prominentes formacións graníticas (Laxes) que lle dan nome ao barrio. Estes monumentos pétreos, combinados coas depresións formadas polo curso da auga de fontes como a do Pozón ou numerosas minas, crean uns ambientes húmidos onde conviven carballos, salgueiros e loureiros.
parque dos agoeiros
Situada nos montes da parroquia de Sta. María de Salceda (Lat. 42º 7′ 24,77” N, Lonx. 8º 32′ 22,06” O) a 147 m de altitude, a pesar de estar nun terreo con bastante pendente, divídese en tres zonas ben diferenciadas: a área recreativa, a zona deportiva e a poza, os cales suman aproximadamente arredor de 4,6 ha.
A área recreativa está situada ao este na parte máis alta, e conta cun amplo aparcamento, abundantes mesas de pedra, asadores, zona de xogos e fontes. Destaca o arborado, co plátano de sombra como especie principal. No nordeste atopamos unha ponte metálica en arco que comunica o merendeiro cun dos pequenos bosquetes e repoboacións de castiñeiro e carballo.
A zona deportiva está composta por un campo de fútbol de terra cos correspondentes vestiarios comunicado coa área recreativa por unhas escadas de pedra.
A poza, está situada na parte máis baixa e dela nace o Ameixoa, o regato que separa os barrios da Feira e o Castro Barreiro. A extensión en planta da poza dos Agoeiros é de aproximadamente 3200 m2 .
área recreativa das covas
A área recreativa das Covas (Lat. 42º6´46.57”N, Lox. 8º33´22.31” O), atópase na parroquia de Santa María. O espazo ripícola que forma parte do río Caselas e que segue sendo un recurso fundamental para os regantes que teñen as súas leiras próximas ao Río, presenta na ponte que atravesa na finalización do espazo, unha comportas que permiten o sistema de regadío mediante canles de rega.
O propio espazo presenta un complexo integrado por mesas e bancos xunto cun asadeiro, e a Fonte das Covas, así como a importancia patrimonial reflexada pola existencia de dous muíños pegados que aparecen incluídos no Inventario do Marqués de Ensenada, e a súa proximidade ao Pazo Pegullal.
As especies que principalmente fan uso do espazo son salgueiros, amieiros, no ambiente propiamente ripícola e cercano ao Río Caselas e de carballos loureiros e chopos brancos. Tamén se debe destacar uns enormes e pintorescos penedos na ladeira dos muíños.
carballeira de xabarís
Na Carballeira de Xabarís están os carballos de maior lonxevidade do Concello despois do Carballo do Pazo Pegullal (Lat. 42° 6’50.65″N, Lonx. 8°32’48.22″).
O espazo consta de elementos que o confiren como área de lecer con mesas e bancos de pedra, dispostos sobre tres terrazas expostas ante unha elevada pendente do terreo.
Nas súas proximidades sitúanse o lavadoiro e fonte de Xabarís, do ano 1912, así como os restos do muíño Carallou. O regato que pasa pola zona é o Ameixoa, que tradicionalmente separa os barrios de A Feira e o Castro Barreiro especialmente na época de Entroido. De feito a Carballeira de Xabarís é xa considerada como «o terceiro torreiro» nos días de celebración das festas en ámbolos dous barrios (luns e martes de Entroido)
Por este espazo transcorre o sendeiro de gran percorrido GR-58.
área recreativa de rubás
A Área Recrativa de Rubás atópase no barrio de Pegullal, na parroquia de Santa María, nas inmediacións do Pazo Pegullal. Este pequeno espazo conta con varias mesas, con unha fonte de auga potable e con asadeiros. Destaca ademais a presenza do pote no cal a veciñanza da zona realiza tarefas de destilado de augardente para consumo propio.
O espazo natural conta con carballos e castiñeiros, e pola súa bicación resulta idóneo para eventos de pequenos grupos que busquen a tranquilidade e a desconexión.
área recreativa do penedo redondo
Na parroquia de Parderrubias atopamos este espazo (Lat. 42º 5′ 14,96” N, Lonx. 8º 35′ 14,96” O), que conta cun campo de fútbol de herba artificial.
Nas súas inmediacións podemos observar o gran penedo redondeado que dá nome a esta área. A área recreativa está composta por asadores e mesas de pedra, rodeada na súa marxe dereita por unha plantación de carballo americano. Conta ademais con un depósito de auga veciñal cercado.
Nas inmediacións sitúase o cemiterio veciñal de Parderrubias, cuxa estrada conflúe no punto de sete camiños, que é obxecto de lendas que teñen que ver con ritos espirituais que se viñan practicando neste punto.
Pola zona tamén transcorre o GR 52 que une a parte de Parderrubias con Santo Estevo de Budiño, así como un entorno excelente para a práctica da btt
o borraliño
Este espazo, adaptado como zona de lecer, está situado nos montes veciñais da parroquia de San Vicente de Soutelo (Lat. 42º 4′ 59,09” N, Lonx. 8º 35′ 47,23” O).
O enclave conta con multitude de elementos feitos pola veciñanza destinados ao ocio, como un campo de fútbol de terra, campo de fútbol sala, casa cultural, torreiro pavimentado, asadores, mesas de pedra, fontes e zona de randeeiras destinada aos cativos. Hai un cruceiro de pedra nun dos cruces ao lado do parque e unha pequena capela dedicada a San Liborio, que acolle a súa festa o último domingo do mes de xuño.
Nesta carballeira, é habitual no outono atopar cogomelos comestibles tan apreciados coma os níscaros, cantarelas tubiformadas ou linguas de gato.
É unha zona moi empregada para festas e xuntanzas, pola súa ampla capacidade.
o espicho do faro
O Espicho do Faro é un espazo comunal que se eleva a 209 m de altura na parroquia de Entenza. Atópase moi próximo á posible ubicación do que foi o Castelo de Toroña. Estivo a piques de desaparecer debido ás dúas canteiras de granito que rodean o monte. Sen embargo, unha boa actuación da Comunidade de Montes no 2007 salvou ao Espicho da desaparición. Un alto onde atoparemos sitios moi singulares e unhas vistas impresionantes. No 2007 se realizouse unha labour para acondicionar o Espicho do Faro en forma de área recreativa, dotando o espazo de dúas fontes con estanques, mesas e a plantación de diversas árbores. Unha limpieza exhaustiva deixou o lugar preparado para pasar un día maravilloso. Cada ano, o 25 de xullo, o parque do Espicho do Faro acolle a Festa dos Comuneiros e das Comuneiras da parroquia de Entenza.
área recreativa de agüín
Pequeno espazo situado na parroquia de Entenza (Lat.42º 4′ 36,02” N, Lonx. 8º 33′ 3,36” O) que conta cunha extensión de aproximadamente de 950 m2, e é onde comeza a senda Fonte Agüín – Muíño Picado.
A auga que mana dunha fronte construída en granito, segue o seu curso natural ata desembocar no río Caselas, que cruza apenas a 200 metros ao sueste. A poza de Agüín está destinada a regadío, xa que as terras circundantes están adicadas ao cultivo e o pasto.
A área está adaptada como zona de lecer, e foi dotada con mesas de pedra e balaústres de madeira, a modo de protección ou marcando os distintos niveis de altura que ten. A pesar da humanización, foi respectada a flora arbórea existente, polo que se poden ver dous fermosos carballos, pero tamén algunha árbore ornamental como liquidámbar ou plátano de sombra.
área da capela da ascensión
Na parroquia de Entenza, no barrio da Ascensión, a 105 metros de altitude, atopamos unha capela bautizada co mesmo nome (Lat. 42º 4′ 33,98” N, Lonx. 8º 33′ 59,56” O). Ao redor dela levántase una espectacular formación de sobreiras. O conxunto está formado por 5 árbores pero sen dúbida hai que destacar as dúas que se atopan no lado sueste da capela.
O recinto está formado por un palco situado no noroeste, cun pequeno torreiro pavimentado na fronte, unha zona con asadeiros e mesas de pedra e a zona principal, que é a da Capela da Ascención rodeada polas sobreiras. A idade estimada destas árbores é de 400 anos, pois posiblemente as sobreiras foran plantadas na época en que se construíu a capela alá polo 1604. Ademais, hai datos que recollen que nesas terras estiveron asentadas as tropas españolas na guerra da Independencia (1808-1814), comandadas polo Abade de Couto, Don Mauricio Troncoso de Lira, para arrebatarlle a praza de Tui aos franceses.
área recreativa do regueiro
Este espazo está situado en San Estevo de Budiño (Latitude 42° 5’25.87″N, Lonxitude 8°36’46.41″O) e segue o curso do regato denominado Meixía ou Loureiro.
Esta área de lecer, recentemente acondicionada, conta con unha fonte, mesas de pedra e fermosas canles de pedra para guiar a auga, poboada con carballo dos pantanos. Regato abaixo imos atopando tres muíños graduados, tamén recuperados, ata chegar a un salto de auga que sobre todo en épocas de choiva deixa unha fermosa estampa..
A presenza de auga corrente, no regato, e estancada nunha pequena poza na zona de lecer, fai que sexa un sitio ideal para fauna acuática, odonatos, coleópteros acuáticos, anfibios, etc.
área recreativa do coto
Este espazo está vinculado ao Centro Cultural O Coto, da parroquia de Santo Estevo de Budiño, emplazándose no exterior do mencionado centro cultural. O espazo conta con mesas e asadeiros, ademais de zona de xogos para os nenos e nenas, e pista asfaltada de futbol sala, o que o converte nunha zona ideal para festas e xuntanzas familiares.
Salceda de Caselas, moito para ofrecer
Unha oferta turística de calidade espérate no noso municipio
Patrimonio de Salceda de Caselas
A riqueza patrimonial de Salceda é un tesouro da historia e a cultura, onde o tempo pasado entrelázase co presente.
Feiras e festas
As feiras e festas de Salceda son un colorido encontro onde a alegría e a tradición fusiónanse en cada recuncho do noso concello.
Contornas naturais
Salceda de Caselas é un tesouro natural que emociona coa súa diversidade paisaxística. Onde a serenidade da natureza fusiónase coa vida cotiá.
O municipio
As parroquias, coas súas tradicións arraigadas e o seu forte sentido de comunidade, reflicten a historia e a identidade de Salceda de Caselas.
Roteiros de sendeirismo
Os roteiros de sendeirismo eríxense como unha invitación para explorar a beleza natural do noso concello.
Entroido de Salceda de Caselas
Con máis de 130 anos de historia, o entroido de Salceda de Caselas converteuse nun dos máis emblemáticos do baixo Miño.