O Concello de Salceda de Caselas celebrará a IX edición da ruta do Pincho Folk, unha ruta gastronómica que encherá de sabor e música tradicional os venres e sábados do mes de outubro, desde o venres 2 ate o sábado 24. Esta iniciativa, reafirma o compromiso coa dinamización do comercio local e hostalería, contando coa colaboración da distribuidora DISGOBE e da Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda, ACISA.
Un total de 15 establecementos hostaleiros da vila sumaronse a esta edición, repartidos en itinerarios de 11 locais os venres e otros 11 os sábados, con varios participantes ofrecendo as súas propostas ambos os dous días. O público poderá degustar cada unha das creacións gastronómicas por un prezo único de 2,50 €, no horario de 20:00 a 23:00 horas.
Como marca a tradición do certame, a música tradicional terá un papel protagonista. O Concello encargarase de animar con grupos de folclore tradicional das distintas parroquias, unha forma máis de atraer a participación e involucrar os colectivos sociais nesta celebración. A organización fai un chamamento a tódalas persoas da comarca afeccionadas á música para que se sumen de xeito espontáneo coas súas gaitas e percusións para amenizar o ambiente nas rúas e nos locais.
O público que participe degustando os pinchos terá a oportunidade de valorar cada proposta puntuando de 0 a 5 nos boletos e urnas instaladas en cada local. O resultado final dos establecementos gañadores, primeiro e segundo premio, serán galardoados con placas de recoñecemento institucional e determinarase mediante a media de puntos obtida.
As persoas participantes que depositen os seus votos participarán no sorteo de importantes premios doados por DISGOBE e ACISA. O reconto dos votos e o sorteo dos premios realizarase nun acto público no que as persoas agraciadas recibirán os seguintes premios:
- 1.º Premio: Unha fin de semana de enoturismo na Ribeira Sacra (inclúe noite de hotel con circuíto termal, cea e visita á bodega Regina Viarum).
- 2.º Premio: Un pase para dúas persoas no Palacio da Auga de Mondariz (circuíto de 2 horas).
- 3.º Premio: Un lote de produtos con viños e embutidos.
- Vales de compra: Vales por un importe total de 180 € doados por ACISA para gastar nos comercios e locais asociados.
- Agasallo directo sorpresa: Para aquelas persoas que completen a ruta e poidan acreditalo cos sellos de todos os locais participantes no seu folleto de selos.
O Concello de Salceda así coma as entidades colaboradoras e locais participantes animan a achegarse a Salceda para gozar desta importante celebración que pretende amenizar as fins de semana do outono. Salceda quere seguir sendo unha vila dinámica onde todo o mundo poida divertirse coas diferentes actividades e programación cultural.




Comentarios recientes