Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

O Concello de Salceda de Caselas participou este venres na XIV edición do Foro de Participación Infantil e Adolescente celebrado no Parlamento de Galicia, un encontro impulsado por UNICEF que reuniu a 123 rapaces e rapazas procedentes de 17 municipios galegos. A cita enmárcase na conmemoración do Día Mundial da Infancia e do 37º aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno, consolidando a presenza da mocidade no debate institucional.

Durante a xornada na Cámara autonómica, as 9 persoas representantes da infancia e adolescencia de Salceda tiveron a oportunidade de dialogar directamente cos representantes públicos e compartir espazos de reflexión con mozos e mozas doutros concellos. A alcaldesa, Loli Castiñeira, e a concelleira de benestar e ensino, Selene González, acompañaron á rapazada neste día tan importante para eles e elas. Un dos representantes de Salceda, Anxo, foi o encargado ademais de entregarlle á vicepresidenta do Parlamento, Raquel Arias, a mochila azul de UNICEF, que busca dar visibilidade aos dereitos da infancia, e que fala de camiños percorridos por menores que tiveron que abandonar os seus países

Ao longo da sesión abordáronse cuestións fundamentais para o seu presente e futuro, como a educación, a seguridade, a saúde e o benestar, a igualdade, a sustentabilidade e o dereito á participación activa.

A presenza institucional da rapazada prodúcese nun momento de urxencia crecente para a infancia a nivel mundial. Coincidindo con este 20 de novembro, UNICEF España alertou de que, por primeira vez en décadas, os logros históricos acadados para os nenos e nenas —como a redución da mortalidade infantil, o acceso á auga potable, as coberturas de vacinación ou as taxas de escolarización— sofren un grave retroceso. Segundo os datos da organización, no último ano máis dun de cada cinco nenos e nenas no mundo viviu a menos de 50 quilómetros dun conflito armado e 10 millóns sufriron desnutrición aguda grave, en contextos extremos como as fames negras simultáneas rexistradas en Gaza e Sudán. Esta situación vese agravada pola caída dun 23 % na axuda internacional respecto ao exercicio anterior —o maior descenso anual rexistrado—, uns recortes que poñen en risco a atención médica básica de máis de 20 millóns de nenos, nenas e familias, deixan sen auga e saneamento a 11 millóns de persoas e ameazan con deixar fóra da escola a outros 6 millóns de menores.

Fronte a este escenario global de incerteza, o Concello de Salceda de Caselas reafirma o seu compromiso coas políticas locais de infancia e coa defensa activa dos dereitos dos máis novos. Tal e como se puxo de manifesto na sesión parlamentaria, escoitar as inquietudes da mocidade e incorporar a súa mirada na toma de decisións públicas resulta imprescindible para construír unha sociedade máis xusta, solidaria e comprometida co benestar das vindeiras xeracións.

Desde o goberno local salientan o orgullo polo labor desenvolvido pola representación salcedense no Parlamento, destacando que espazos como este foro non só permiten que a rapazada exprese as súas necesidades, senón que fomentan o diálogo, o respecto pola diversidade de opinións e a busca conxunta de solucións desde o ámbito municipal até o autonómico.

Share This