Divírtete en Salceda
FEIRAS E FESTAS
Vive a alegría de Salceda nas súas festas
MERCADO semanal
Cada mércores, Salceda de Caselas énchese de vida co tradicional mercado semanal. Este evento, arraigado na cultura local, atrae a veciñanza das sete parroquias e dos concellos limítrofes, convertendo as rúas dunha vila nun bulicioso escenario de comercio e encontro social.
Pola mañá ben cedo os postos instálanse na praza do Concello e na praza de Abastos, ofrecendo unha variada gama de produtos frescos, artesanía, roupa, calzado e outros artigos. O mercado é un lugar ideal para atopar produtos locais e gozar dun ambiente animado e acolledor.
O mercado semanal dos mércores vai irremediablemente ligado á tradición que aínda perdura hoxe en día, consistente en degustar unha tapa de callos nos diferentes establecementos hostaleiros da vila.
festas do cristo
Desde tempos inmemoriais, o terceiro domingo de xullo foi reservado para a celebración na honra ao Cristo das Angurias en Salceda. Dúas semanas repletas de eventos culturais diarios conducen á gran fin de semana festiva. Desde 2010, o «Estourazo» dende o balcón da Casa da Cultura Castelao, en plena praza do Concello, marca o comezo das festividades. O domingo pola mañá ten lugar o acto cívico para nomear salcedenses distinguidas a diferentes persoas pola súa traxectoria social en Salceda.
festa dos callos
Desde 1993, a praza do Concello é o escenario desta festividade gastronómica que ten lugar o primeiro domingo de setembro. Anualmente, máis de 20.000 persoas acoden desde toda a xeografía galega e portuguesa para saborear este delicioso prato. Máis de 50 persoas voluntarias dedícanse a garantir o éxito da festa ano tras ano. Ademais da exaltación gastronómica, a festa serve como escusa para gozar dunha fin de semana repleta de actos culturais e propostas lúdicas.
a camelia
Desde 2008, cada ano celébranse as Xornadas da Camelia, que coinciden co inicio da primavera. Durante este evento exhíbense as múltiples variedades desta flor, mostrando a súa ampla gama cromática, así como o enxeño e inspiración para crear diversas composicións artísticas. Estas xornadas consolidáronse como unha das mostras máis importantes de Galicia e atraen a participación de máis de 70 expositores/as de todo o país.
rancho de reis e RANCHO DE ENTROIDO
O Rancho de Reis de Salceda é diferente de todos os demais, e único pola súa formación. Na súa danza, dous danzantes loitan por conseguir unha dama, nunha competencia por ver quen resulta o mellor bailarín. A dama, representada por unha nena, será a encargada de elixir o gañador e obsequiarao cunha ribeirá, que bailará en exclusiva con el. Os tres compoñentes do rancho utilizan roupas de cores moi vistosas, e chama especialmente a atención a grande cantidade de xoias que loce a dama, e que hai anos se conseguían prestadas nas casas da xente en mellor situación económica (eran xoias de ouro), e que estas persoas prestaban con grande orgullo para que fosen lucidas no Rancho de Reis. Isto implicaba, ademais, que os Ranchos tivesen que ir sempre acompañados de máis persoas que facían un labor de “custodia e protección”, polo enorme valor das xoias empregadas. En canto á música, o Rancho de Reis de Salceda vai acompañado de gaita e caixa.
No caso do Rancho de Entroido, semellante nos seus bailes e que emprega a mesma música, varía a formación do rancho, que neste caso se compón de seis danzantes e dúas damas. Así mesmo, a música neste caso complétase coa presenza do bombo.
Logo de diferentes intentos de recuperación por parte de distintos colectivos, desde o ano 2018 é a Asociación Cultural A Feira a encargada de manter viva a tradición tanto do Rancho de Reis coma do Rancho de Entroido.
Salceda de Caselas, moito para ofrecer
Patrimonio de Salceda de Caselas
A riqueza patrimonial de Salceda é un tesouro da historia e a cultura, onde o tempo pasado entrelázase co presente.
Contornas naturais
Salceda de Caselas é un tesouro natural que emociona coa súa diversidade paisaxística. Onde a serenidade da natureza fusiónase coa vida cotiá.
O municipio
As parroquias, coas súas tradicións arraigadas e o seu forte sentido de comunidade, reflicten a historia e a identidade de Salceda de Caselas.
Roteiros de sendeirismo
Os roteiros de sendeirismo eríxense como unha invitación para explorar a beleza natural do noso concello.
Entroido de Salceda de Caselas
Con máis de 130 anos de historia, o entroido de Salceda de Caselas converteuse nun dos máis emblemáticos do baixo Miño.


















