Esta semana comezaron os traballos da segunda fase de exhumación da Foxa de Soutelo. Tras o éxito da primeira fase, na que se logrou identificar a dúas vítimas do franquismo, nesta segunda fase o obxectivo é o de localizar os restos dos cinco homes paseados e asasinados en setembro do 1936.
As investigacións levadas a cabo pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, a Louriña e o Condado, puxéronlle nome aos represaliados. Trátase de catro veciños do Porriño: Severo Boente, José Cordal, Ramón Pérez e Leoncio Muíños e un de Mos: Modesto Barreiro, que foron asasinados e soterrados no adro da Igrexa de Soutelo. As testemuñas orais da veciñanza e a documentación recollida pola Comisión indican que os restos deberían atoparse no lateral da Igrexa, continuando a localización dos anteriores.
Concello e Comisión estiveron presentes no inicio dos traballos, levados a cabo por Breogán Arqueoloxía, e que xa se están realizando nun segundo punto do adro, logo de que se realizase unha cata nun punto no que non se obtivo o resultado esperado.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, quixo recoñecer unha vez máis o traballo levado a cabo pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, a Louriña e o Condado, sen a cal sería moi difícil levar a cabo o proxecto: “As diferentes comisións existentes no País están a realizar un traballo excepcional pola recuperación da memoria democrática, dándonos a todos e todas unha lección de involucración e constancia, así como de traballo altruísta”.
O proxecto, que foi presentado pola Concellaría de Cultura do Concello de Salceda de Caselas a finais de 2025 á Federacion Española de Municipios e Provincias (FEMP), dentro do “VI Plan de Recuperación de memoria Democrática 2025-2026”, conta con unha subvención de 12.500 euros para completar a finalización da exhumación que se iniciara en xuño do ano pasado nun dos laterais do adro.
Os traballos, dirixidos polo antropólogo forense Fernando Serrulla, desenvolveranse durante toda a semana. Todo o equipo involucrado nesta segunda fase é optimista, e espera poder atopar e identificar aos 5 homes desaparecidos, logrando restaurar a memoria e pechando a ferida aberta fai xa 90 anos.
O Concello de Salceda amosou dende o primeiro momento a súa involucración nos traballos, creando incluso recentemente unha concellaría específica de Memoria Democrática, con Óscar Domínguez (PSOE) á frente.




Comentarios recientes