O Concello de Salceda de Caselas vén de enviarlle á Xunta de Galicia unha proposta de mellora para o enlace da PO510 no denominado “Alto da Brava”. A proposta realizouse por acordo dos tres grupos de esquerdas da corporación (MS, PSOE e BNG), que a incluíron nos investimentos dos orzamentos municipais deste ano 2026. Logo de diferentes reunións entre os tres grupos e a empresa redactora, a proposta está lista e foi xa remitida á Xunta de Galicia para o seu estudo e execución. O Concello de Salceda elaborou o proxecto con cargo aos orzamentos municipais, colaborando dese xeito coa Xunta de Galicia que é a que ten a competencia de ordenación do tráfico das súas estradas. Cabe lembrar que nese punto da PO510 lévanse producido numerosos accidentes, moitos deles con gravísimas consecuencias.
Na zona conflúen diversos ramais unidireccionais, tanto de entrada e saída á propia PO510 como de acceso a diferentes barrios da parroquia de Parderrubias e San Xurxo, o que provoca en moitas ocasións situacións de inseguridade tanto para o tráfico rodado como para o tráfico peonil, polo que os grupos de esquerdas do Concello puxeron sobre a mesa a necesidade de reforma da zona, plantexándose a creación de dúas glorietas a cada lado da PO510 que ordenen o tráfico e simplifiquen as diferentes opcións de circulación. Deste xeito, evítanse os xiros á esquerda e mellórase o entendemento dos movementos posibles e as prioridades. A pista de acceso ao barrio de Montecelo modifica o seu trazado e levase tamén á nova glorieta, evitando situacións que poden confundir ás persoas condutoras e provocar situacións de perigo.
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, quixo destacar que “con esta proposta cumprimos un dos acordos entre os grupos de esquerdas. Os tres grupos seguiremos a traballar da man en todo aquelo que poida ser beneficioso para Salceda e a súa xente, chegando a acordos sempre para o beneficio da nosa veciñanza”.
A proposta elaborada polo Concello de Salceda supón un investimento de 511.067,39€, que o goberno local (MS e PSOE) co apoio do BNG agarda que a Xunta de Galicia teña a ben executar, pois é importante para a zona, e melloraría enormemente a seguridade. O enlace do Alto da Brava é empregado a diario pola veciñanza das parroquias de Parderrubias, A Picoña e San Xurxo para dirixirse cara a O Porriño e Vigo, polo que estamos a falar dunha zona pola que circulan cada día numerosos vehículos.





Comentarios recientes