Salceda de Caselas, 20 de febreiro de 2025
O Concello de Salceda de Caselas presentou esta mañá a súa festa máis tradicional e imporante: o Entroido. Fai máis de 135 anos que os barrios do Castro Barreiro e da Feira se enfrontan na súa particular batalla por ter o mellor entroido. O Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez e a Alcaldesa, Loli Castiñeira, expuxeron os diferentes actos organizados ao longo de toda a fin de semana, falando de “tres Entroidos en un”, en referencia aos tres grandes desfiles que se organizan en Salceda: o desfile escolar con máis de 1500 persoas de 0 a 18 anos o venres, máis de 1200 no XXVI desfile de carrozas e comparsas o domingo, para o cal aínda está aberto o prazo de inscrición, e cerca de 400 persoas no enfrontamento entre Castro Barreiro e A Feira.
Eva e María de Castro Barreiro, e Sofía e Benito da Feira encargáronse de poñer a parte de enfrontamento na presentación, sen soltar a máis mínima información sobre todo o que están a preparar en ámbolos dous barrios para o luns e martes de Entroido, os seus días grandes. Non será ata a noite do xoves cando se faga público o pesquín de cada un dos barrios, no que ademais de recollerse a información sobre as verbenas e a programación, se adica tamén un espazo importante aos “chistes” ou “sainetes” sobre acontecementos que acontecen durante o ano á veciñanza do barrio rival.
Alex Rodríguez definiu precisamente a Castro Barreiro e A Feira como o “motor” do Entroido salcedense, dos que partiron moitos outros entroidos nas últimas décadas. O Concelleiro quixo ademais destacar que este é un traballo en equipo, no que agradeceu o traballo das catro persoas que forman o equipo de goberno, así como do persoal municipal e o voluntariado preciso para levar a cabo a programación.
Loli Castiñeira informou ademais do traballo que se está a rematar estes días para completar a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico, con incorporación dos últimos pasos dados na recuperación do Entroido tradicional co rancho e os cabaleiros por parte do barrio da Feira. A Alcaldesa amosou o orgullo do Entroido centenario de Salceda, así como do dinamismo social e cultural do Concello que fai que cada evento sexa un éxito de participación, especialmente no Entroido que definiu como “o mellor da provincia”.
Por vez primeira este ano instalarase un punto violeta na verbena do luns, nesta ocasión no torreiro do barrio da Feira, e que cada ano estará nun dos torreiros de xeito rotativo. O punto contará con persoal especializado que atenda posibles incidencias, dúbidas e todas as cuestións que poidan xurdir sobre casos de violencia machista, acoso sexual ou similares.
A Alcaldesa de Salceda destacou o apoio do Concello ao Entroido ano tras ano, amosándose convencida de que “estea quen estea no goberno en cada momento, sen dúbida o Entroido seguirá sempre a recibir o apoio do Concello, non tería sentido non facelo”.
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos