O Concello de Salceda de Caselas convida á veciñanza a participar o vindeiro 12 de agosto nunha actividade especial organizada con motivo da eclipse solar, un fenómeno astronómico pouco frecuente que poderá observarse en toda Galicia.
A proposta pretende converter este acontecemento nunha experiencia compartida, combinando divulgación científica, contacto coa natureza e participación cidadá. A xornada comezará cunha andaina con saída dende a Praza do Concello que subirá ata a área recreativa e forestal do Espicho do Faro, un enclave privilexiado para a observación da eclipse neste municipio.
Xa no destino desenvolveranse diferentes actividades dirixidas a todos os públicos, entre elas unha explicación divulgativa sobre as características da eclipse e a súa singularidade, como se produce este fenómeno e cales son as medidas de seguridade que deben seguirse para a súa observación. O momento central da xornada será a visualización da eclipse, que permitirá ás persoas participantes gozar deste acontecemento en compañía e coa información necesaria para comprendela. O concello repartirá gafas de observación homologadas entre as persoas participantes na actividade.
Con esta iniciativa, o Concello de Salceda continúa apostando por unha programación que achega a ciencia á cidadanía a través de actividades participativas e ao aire libre, promovendo ao mesmo tempo o coñecemento do patrimonio natural do municipio e o desfrute dos seus espazos.
A actividade será de balde, e as persoas interesadas deberán inscribirse de antemán na dirección de correo electrónico medioambiente@salcedadecaselas.gal ou na casa da cultura A. D. R. Castelao.




Comentarios recientes