O Pleno do Concello de Salceda de Caselas aprobou por unanimidade o expediente de contratación das obras de urbanización do PERI A Gándara, cun orzamento de 1.040.228,00€. O proxecto de urbanización, redactado polos enxeñeiros Francisco Javier Rivas Barros e Ignacio Teijeiro Calvo, vai supoñer na práctica a posta en servizo de mais de 7000 metros cadrados de solo residencial, facilitando deste xeito a construción de vivenda nova, tan necesaria nestes momentos, ademais da área de 1.060 metros cadrados para vivenda protexida que o Concello ten xa cedida ao Instituto Galego de Vivenda e Solo. O proxecto suporá así mesmo a posta en marcha efectiva de 2.738 metros cadrados de chan para equipamentos, nos que poder instalar infraestruturas tan necesarias como un centro de día, un pavillón ou un novo auditorio. Tamén se crea deste xeito o acceso a dúas amplas zonas verdes con un total de 5.662 metros cadrados. Por outra banda, suporá a mellora da accesibilidade ao novo centro de saúde, fundamentalmente para a veciñanza que se achegue dende a zona de Entenza, así como a creación de novas prazas de aparcamento en superficie ao longo dos viarios. O proxecto conta con un prazo de execución de oito meses, polo que se prevé que a obra quede rematada antes do verán de 2027.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “xa queda pouco para que sexa unha realidade o proxecto de urbanización do PERI A Gándara que vai transformar Salceda. Máis vivenda, máis chan de equipamentos, máis zonas verdes, máis aparcadoiros, e unha mellora na distribución do tráfico do casco urbano. Este ó froito do traballo de moitos compañeiros e compañeiras durante moitos anos, que agora se traduce nesta obra transformadora que mellorará a vida da veciñanza”.
A primeira fase da rúa Mártires de Sobredo urbanizouse para poder poñer en marcha o novo Centro de Saúde, e na zona creáronse novos aparcadoiros disuasorios. Agora esa zona poderá continuar co seu desenvolvemento en canto se complete o proceso de contratación, creando novas zonas verdes e poñendo a disposición novas parcelas para vivenda.




Comentarios recientes