O Concello de Salceda de Caselas acaba de inaugurar a nova ruta enogastronómica, unha actuación destinada a poñer en valor os recursos gastronómicos, vitivinícolas, culturais e paisaxísticos do municipio e a impulsar un produto turístico vinculado á identidade e aos valores do territorio.
O proxecto desenvolveuse no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Condado Paradanta Destino Enogastronómico”, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e co financiamento da Unión Europea–NextGenerationEU. A actuación foi contratada pola Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta – Terra e Auga e contou cun orzamento total de 142.668,82 euros, IVE incluído.
A nova ruta denominada “CALLOS E VIÑO EN RUTA” articula diferentes puntos de interese do municipio a través dun itinerario peonil sinalizado, conectando recursos enogastronómicos e establecementos locais. O obxectivo é ofrecer ás persoas visitantes unha experiencia turística estruturada que permita coñecer o territorio e, ao mesmo tempo, favorecer a dinamización da actividade económica vinculada á gastronomía e á produción local.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda de Caselas: «seguimos traballando na nosa rede de sendas, unha das nosas sinais de identidade turística. Con esta nova proposta conseguimos xuntar callos, hostelería, turismo, viño e dinamización comercial. Somos un Concello cheo de vida e esta nova ruta é un novo atractivo».




Comentarios recientes