Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

O Concello de Salceda inicia unha nova etapa do servizo pioneiro de pedagoxía, logo da xubilación da anterior pedagoga-logopedista. Para elo realizarase unha xornada informativa para as familias do municipio con menores entre 6 e 12 anos interesadas no servizo o próximo xoves 23 ás 13.00h na Casa da cultura Castelao. Enma, a nova técnica encargada do servizo, explicará que é, como se accede ao servizo, onde se realiza, e que se traballa no mesmo.  O servizo de pedagoxía atópase no primeiro andar do centro de servizos sociais, na rúa Compostela, e calquera persoa pode poñerse en contacto a través do mail pedagoxiaalcedadecaselas.gal ou no teléfono 680612868.

Salceda é un concello pioneiro en Galicia en ofrecer este servizo que cubre o que a educación formal ou a sanidade pública non alcanza. Moitos concellos contan con servizo de atención temperá para o proceso de desenvolvemento durante a primeira infancia entre os cero e os seis anos, pero no caso do Concello de Salceda de Caselas amplíase a cobertura ás familias cunha pedagoga que atende a menores ata os 12 anos de idade.

Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, definiu o servizo como “un servizo pioneiro, polo que as familias teñen que desembolsar un custo importante, pero que a veciñanza de Salceda ten de xeito gratuíto a través do Concello. As políticas de benestar son fundamentais, e moi especialmente as que van dirixidas aos colectivos da infancia e a terceira idade”.

Trátase dun servizo gratuíto que ten como finalidade ofrecer unha atención pedagóxica individualizada para favorecer o desenvolvemento das aprendizaxes, potenciar as capacidades de cada menor e acompañar ás familias durante o proceso educativo. Para acceder é preciso que se realice a derivación dende pediatría ou dende o departamento de orientación dos centros de ensino.

Enma traballa cunha metodoloxía baseada nun enfoque terapéutico lúdico, activo e individualizado adaptado ás necesidades de cada menor. O xogo constitúe unha ferramenta fundamental para favorecer a aprendizaxe, a motivación e a participación activa dos nenos e nenas, ao mesmo tempo que empregan materiais específicos e recursos adaptados, moitos deles elaborados especificamente para cada intervención.

Trátase de que cada sesión sexa un espazo de confianza no que se sintan seguras e seguros, motivados e valoradas, onde aprender sexa tamén gozar e onde se avance en fortalecer a súa autonomía, autoestima e confianza. Os principais eixos de traballo son as función executivas, a atención e concentración, a lectoescritura, a expresión oral, a conciencia fonolóxica, o razoamento lóxico ou a expresión escrita entre outras.

Share This