O vindeiro xoves 16 de xullo celebrarase na Praza do Concello a Fase Final do I Concurso de DJ Salceda 36470 dB. O evento contará con sete DJ en competición que loitarán por ser o primeiro gañador do certame.
Os participantes actuarán nunha discoteca móbil na Praza do Concello entre as 21.00 e as 01.00, onde terán que demostrar a súa destreza nunha sesión dun máximo de 20 minutos de duración. Trátase dun evento dirixido a público familiar, onde o xurado, formado por DJ salcedenses, valorará aspectos como a orixinalidade na escolla dos temas, a composición musical, a técnica, a posta en escena e a animación co público.
A Alcaldesa Loli Castiñeira salientou a alta participación recibida nesta primeira edición do certame, e que busca converterse nun escaparate para os novos DJ do noso concello e da contorna.
A fase final estará conducida polo Dj Ruben.gal, e nela participarán Amanix, Daybeatzz, Alfa, Colaci, MarconiDJ, Dan-G e Ryac. Ademais poderase seguir en directo a través de Si Radio.
Para a organización desta actividade, o equipo de goberno contou coa participación do “Departamento de novas ideas”, DNI, formado pola infancia e a xuventude salcedense, e que está a intervir na planificación e toma de decisións de diversas iniciativas municipais dirixidas ás persoas mozas. O colectivo DNI solicitou poder contar coa presenza da DJ salcedense Sara Bruña, que subirá ao escenario para amenizar a espera durante a deliberación do xurado. Ademais este colectivo participou na elección do nome do certame, Salceda 36470 dB, en referencia ao nome da vila, así como ao código postal que a identifica.
A alcaldesa agradeceu especialmente a implicación do DNI, así como o traballo en equipo dos DJ salcedenses Borja, Alfaya e Sara para conseguir que este proxecto se faga por fin realidade.
O Salceda 36470dB forma parte da programación do Verán Cultural e as festas do Cristo, e pretende establecerse como unha das citas imprescindibles a partires deste verán, dando paso ao Vaia Cristo o venres, e ao estourazo de inicio das festas xa no sábado.




Comentarios recientes