O Concello de Salceda de Caselas botou a andar a campaña “Coida Salceda” co obxectivo de reducir o impacto visual de refugallos específicos e mellorar a convivencia urbana, fomentando ao mesmo tempo un sentimento de orgullo e pertenza a Salceda.
Nesta primeira fase, a campaña céntrase nas cabichas, e en concienciar do verdadeiro problema de contaminación que supoñen tanto no chan como nos sumidoiros. A través do lema “Nin conta te das, pero que dano fas”, búscase concienciar á poboación do dano que produce o simple feito de desbotar unha cabicha no chan, e peor aínda cando se fai nos sumidoiros. Os 29 locais hostaleiros adheridos contan xa con un cabicheiro que cada día colocan na porta dos seus establecementos para a recollida destes refugallos. O propio persoal de limpeza do Concello é o encargado de baleiralos, e as cabichas recollidas serán depositadas dun “cabichómetro” xeral que servirá para medir a cantidade recollida na campaña, e que deste xeito se evitou que rematase nos sumidoiros e, polo tanto, nas augas.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Coa implantación de «Coida Salceda», o Concello non só busca unha vila máis limpa esteticamente, senón avanzar cara a un modelo de sustentabilidade onde a colaboración veciñal sexa o motor do cambio. Unha Salceda coidada é unha Salceda con máis calidade de vida”.
A Alcaldesa quixo ademais agradecer a colaboración da hostalería, recoñecendo que “a vosa implicación resulta fundamental para o éxito desta iniciativa que sobre todo beneficia a Salceda”. Nesta primeira fase a campaña vai dirixida á hostalería do casco urbano, aínda que non se descarta ampliala ao resto do termo municipal dado o interese que están a manifestar tamén os locais das parroquias.
O Concello de Salceda de Caselas conta con catro flores de honra no certame Vilas en Flor que cada ano recoñece o traballo daqueles municipios con un especial traballo no coidado do medio. A campaña complétase coa colocación de carteis e banderolas pola vila, así como a publicación de diferentes materiais a través das redes sociais do Concello.
Ademais desta primeira fase centrada nas cabichas, a campaña abordará cando menos outros dous temas moi presentes en Salceda:
- Fomentar a recollida de excrementos caninos e a limpeza de miccións.
- Informar sobre o servizo e a importancia da recollida de enseres para evitar o abandono na rúa.
A campaña está financiada a través da liña 2 do plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra, por un total de 13.768,83 €.




Comentarios recientes