Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

O Concello de Salceda de Caselas vai dar comezo ás obras de renovación do alumeado do campo de fútbol do Penedo Redondo, logo de conseguir a financiación de 55.537,79€ con caro ao III plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra. O proxecto suporá a renovación do sistema de alumeado, moi deteriorado e envellecido, e a súa substitución por uns equipos con tecnoloxía LED de alta eficiencia.

                A alcaldesa, Loli Castiñeira, o concelleiro de deportes, Marcos Troncoso, e o concelleiro de formación e emprego, Xurxo Gregorio, visitaron as instalacións acompañados pola empresa adxudicataria e pola dirección de obra, para comprobar que todo está listo para o inicio da obra que se realizará nos vindeiros días.

                Loli Castiñeira definiu o investimento como “unha obra importante demandada polos clubes que empregan a instalación, e que ademais de mellorar as condicións para as persoas usuarias do campo, vai supoñer un importante aforro enerxético”.

                O campo de fútbol do Penedo Redondo conta actualmente con catro torres de iluminación con seis proxectores en cada unha delas, cun consumo duns 51.600W. Os actuais equipos teñen un estado de envellecemento elevado, que se traduce nunha iluminación sen uniformidade que se verá claramente mellorada coa nova instalación. Unha vez realizada a obra, o consumo pasará a ser de 20.000W, conseguindo un aforro enerxético dun 62% respecto do actual, ademais da mellora do servizo de alumeado.

                Por outra banda, procederase tamén á instalación dunha electrobomba que proporcione maior potencia ao sistema de rega, e que dea unha mellor cobertura á totalidade da superficie do campo. Neste caso o Concello conta co financiamento de 11.657,39 € a través do II plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.

O campo de fútbol do Penedo Redondo inaugurouse no ano 2010 e emprégase tódolos días da semana por diferentes equipos, o que fai que o seu mantemento nas mellores condicións sexa unha prioridade para o equipo de goberno.

Share This