Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

O Concello de Salceda de Caselas vai dar comezo ás obras de adaptación do acceso ao pavillón municipal dos deportes. A zona de acceso, compartida polo pavillón municipal de deportes e o CEP Altamira, presenta na actualidade un estado deteriorado con deficiencias de accesibilidade, que se subsanarán con esta obra. O obxectivo fundamental é o de eliminar os obstáculos existentes, creando un pavimento contínuo de formigón armado dende a entrada do CEP e do pavillón ata a rúa Rosalía de Castro. Así mesmo, contémplase a pavimentación con aglomerado da zona de aparcadoiro do pavillón, corrixindo as cotas existentes e evitando deste xeito a formación ce charcos nos momentos de choiva, así como a recollida desas pluviais coa colocación de reixas.  

                O proxecto foi redactado polo enxeñeiro Martín Piñeiro Fernández e adxudicado a Eficihaus S.L.U. logo do correspondente proceso de licitación. O Concello conta con 57.736,95 € do Plan Máis Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra para a execución desta obra.

                Alex Rodríguez, Alcalde accidental, acompañado dos concelleiros e concelleira do goberno, as persoas representantes da empresa adxudicataria e o director de obra, visitaron o espazo para concretar os últimos detalles de inicio da obra. En palabras do Alcalde accidental “esta é unha obra pendente dende fai tempo, que hoxe por fin pode ser unha realidade. Este proxecto vai supoñer unha absoluta reforma da zona, priorizando a mellora accesibilidade para que calquera persoa poida acceder en igualdade de condicións aos espazos públicos”.

                A mellora deste espazo beneficiará a centos de persoas, pois hai que ter en conta que é a zona de acceso da rapazada do colexio que conta con servizo de transporte, zona de paso para o comedor escolar, e zona de entrada e saída para o propio pavillón de deportes que empregan ducias de persoas cada día ademais dos numerosos partidos dos diferentes clubes que se xogan na instalación.

Share This