As charangas “SGHAE” e “Nova jomada” serán este ano as protagonistas do tradicional estourazo que marca o inicio das festas do Cristo en Salceda. Estas dúas formacións nacen no seo da Asociación de amigos e amigas da música de Salceda, entre compoñentes da banda cultural, e este ano cumpren quince e dez anos respectivamente. As dúas charangas subiranse ao balcón da Casa da cultura Castelao este sábado ás 22.00 para disparar o estourazo.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda, quixo felicitar ás dúas agrupacións nos seus aniversarios, lembrando que “a banda de Salceda e a escola de música foron dende sempre berce de grandes profesionais, e as charangas da nosa vila son unha boa mostra. Esta é unha homenaxe máis que merecida a quen se encarga de animar as nosas festas ano tras ano, polo que só me queda darlles os meus máis sinceros parabéns”.
A charanga “SGHAE” nace no ano 2011, actuando por toda Galicia e norte de Portugal cun repertorio variado que mestura música tradicional, popular e os grandes éxitos actuais. En 2024, a charanga SGHAE acadou un feito histórico cando foi seleccionada para representar a Galicia no prestixioso Festival Nacional de Charangas de Poza de la Sal (Burgos). A súa música xa fixo vibrar algúns dos eventos máis emblemáticos de Galicia, declarados de interese cultural: a festa da Dorna, a festa do xamón da Cañiza, a festa do viño do condado de Salvaterra de Miño, o San Caralampio de Melide ou o entroido de verán de Redondela entre outras. A SGHAE é ademais a encargada de organizar o festival de charangas de Salceda no mes de setembro, que este ano chegará á súa edición número cinco.
A charanga “Nova jomada” nace no verán de 2016 formada por un grupo de rapaces que naquel entón tiñan entre 13 e 17 anos. O que comezou como unha ilusión compartida entre amigos acabou por converterse, co paso dos anos, nun proxecto musical consolidado. O nome xorde precisamente daquela decisión temperá. Os mesmos rapaces definíanse como “os novos ghomos que comezaban a medrar nas viñas da música de Salceda, unha terra que sempre formou con paixón grandes músicos e músicas”. Ao longo destes anos participaron en todo tipo de eventos: festivais, vodas, romarías, furancheiras e entroidos, e en citas destacadas como o festival de Cans, a festa da lamprea de Arbo, a festa dos callos de Salceda ou a Feira do Viño Tinto de Tangil (Portugal). Este ano viaxarán a Padul (Granada) onde foron seleccionados para participar no VI festival de charangas Villa de Padul.
O Estourazo naceu en Salceda no ano 2010 e por el levan pasado diferentes colectivos sociais, educativos, deportivos ou culturais entre outros. Nas horas previas, como xa ven sendo tradición, a Agrupación Gaiteira de Salceda volverá percorrer as rúas da vila na súa cita anual, aglutinando arredor de 90 persoas baixo o lazo de unión da música tradicional.
Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura e Festexos: “Este evento, ao igual que moitos outros, non sería posible sen o traballo de Protección Civil, Policía Local e cantas persoas colaboran para que as nosas festas transcorran sen incidentes cada ano, polo que queremos trasladarlles o noso máis sincero agradecemento”.




Comentarios recientes