Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

O equipo de goberno do Concello de Salceda de Caselas vén de presentar o I Certame de fotografía Xank Penabella na compaña dos fillos do fotógrafo, Breogán e Gael, cando están a piques de cumprirse cinco anos do seu falecemento. O lugar escollido para a presentación foi o cruceiro de Fonte da Pedra, lugar emblemático no enfrontamento entroideiro de Castro Barreiro e A Feira, que serviu de escenario para a gravación de milleiros de imaxes ao longo da vida de Xank Penabella.

                O certame pretende homenaxear a esta figura tan querida e lembrada en Salceda, polo que dende o Concello se escolleu vincular este concurso ao Entroido, por ser unha festa na que especialmente se facía relevante o traballo do fotógrafo. As persoas participantes poderán presentar ata un máximo de tres fotografías capturadas durante os actos do entroido salcedense deste ano 2026, tendo prazo para facelo ata o día 28 de febreiro.

                Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “pasaron cinco anos dende o pasamento de Xank e era necesario este recoñecemento. Xank foi unha persoa implicada e con sensibilidade que merece todo o noso respecto e cariño e creemos que esta é unha homenaxe máis que merecida”.

                A Alcaldesa quixo ademais animar a tódalas persoas, tanto profesionais como afeccionadas da fotografía, a participar neste certame e a amosar as mellores imaxes do mellor entroido da provincia, convencida de que un entroido como o salcedense é unha fonte inesgotable de recursos fotográficos, polo que o éxito do certame está asegurado.

                O xurado, composto por catro profesionais da imaxe, o Concelleiro de Cultura e unha persoa representante da familia de Xank Penabella (con voz pero sen voto) outorgará un premio de 1.500€ máis diploma á fotografía gañadora, abríndose a posibilidade de outorgar ata dous accésits de 250€ cada un. Ademais dende o Concello organizarase posteriormente unha exposición itinerante coas imaxes presentadas a concurso. As persoas interesadas poden consultar xa as bases na páxina web do Concello www.salcedadecaselas.gal, ou accedendo dende o código QR que se recolle no propio cartaz do certame.

                Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura: “homenaxeamos deste xeito a unha das figuras importantes do Entroido en Salceda, que reflexou moitas historias desta festa a través da súa cámara. Cónstanos que tanto no seu barrio de Castro Barreiro como no barrio da Feira se tiña especial cariño por esta persoa, polo que pensamos que a elección non podía ser máis acertada”.

Share This