O Concello de Salceda de Caselas vén de facer público o veredicto do xurado do I certame de fotografía Xank Penabella, que xirou en torno á festa do Entroido no municipio. Os traballos ganadores son:
- Primeiro premio: “ANTES DO BAILE”, realizada por Mónica Vila Ferreirós, que recibirá diploma acreditativo e premio de 1.500€
- Accésit: “THIAGO”, realizada por Óscar Damián Álvarez Martínez, que recibirá diploma acreditativo e premio de 250 €.
- Accésit: “Reflexo dun sentimento baixo a chuvia”, realizada por Gloria Pérez Fernandes que recibirá diploma acreditativo e premio de 250 €.
As persoas ganadoras recibirán os seus premios o vindeiro luns de mans da Alcaldesa, Loli Castiñeira e a familia de Xank Penabella.
O Concello nomeou para o certame un xurado de persoas profesionais do medio:
- Presidenta do xurado: Tere Pérez, representante da familia (con voz pero sen voto)
- Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura.
- María Fernández, produtora de Área Productions.
- Fon Cortizo, cineasta.
- Jesús Pazo, fotógrafo
- Marta G. Brea, fotoperiodista e coordinadora de fotografía en Faro de Vigo.
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, amosouse moi satisfeita co resultado obtido, e feliz de que as tres imaxes premiadas representen a esencia do entroido centenario de Salceda, posto que se trata de fotografías que fan referencia ao rancho tradicional (ganadora) e aos barrios de Castro Barreiro (accésit) e A Feira (accésit): “O resultado deste primeiro certame non pode ser máis satisfactorio. As persoas participantes souberon captar a esencia do noso Entroido centenario, co mesmo agarimo que o fixo durante anos o propio Xank Penabella, polo que as persoas premiadas nos parecen xustas ganadoras”.
En representación da familia, a viúva de Xank Penabella, Tere Pérez, quixo recoñecer a calidade dos traballos presentados e agradecer a alta participación no certame, ao que se presentaron 27 persoas: “Xank namorouse do entroido salcedense dende o primeiro día que pisou Salceda, e dende a familia só podemos manifestar o noso enorme orgullo pola boa acollida que tivo esta primeira edición do certame”.
Concello e familia quixeron así mesmo agradecer a María, Fon, Jesús e Marta por aceptar dende o primeiro momento formar parte do xurado, nunha tarefa nada fácil, e por amosar a súa total predisposición dende o primeiro momento.
Tras a boa acollida deste I Certame, o Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, manifestou a intención do Concello de poder consolidar o certame ao longo dos anos e de que se converta en referente deste tipo de concursos.






Comentarios recientes