A Área Recreativa Penedo Redondo, situada na parroquia de Parderrubias (Salceda de Caselas), volverá converterse os vindeiros días sábado 8 e domingo 9 de agosto de 2026 no epicentro do lecer e da música coa celebración do Penedo Remember Fest 2026, un evento que pon un especial interese en conectar á xuventude e ofrecer unha alternativa de lecer integradora para tódolos públicos.
Organizado pola asociación veciñal Santo Tomé de Parderrubias en colaboración co Concello de Salceda de Caselas, o Penedo Remember Fest preséntase como dous días para lembrar, pensados para revitalizar a vida social e cultural da contorna e ofrecer un punto de encontro interxeneracional: “queremos que o Penedo Remember Fest sexa un espazo onde a xuventude se divirta e faga comunidade, pero tamén onde as familias e a veciñanza de toda a vida poidan compartir momentos inesquecibles.”
A oferta do festival combina actuacións musicais en directo con torneos deportivos de longa tradición na zona e propostas gastronómicas:
- Música en directo e sesións DJ: toda a noite soarán os mellores ‘Remember Hits’ dos anos 80, 90 e 2000, das mans de DJ Ramón (Eclipse) e Krlos DJ.
- Campionato de Fútbol ‘Barrios de Arriba vs Barrios de Abaixo’: O clásico enfrontament local que contará con categorías tanto masculina como feminina, promovendo a participación e a igualdade no deporte.
- Campionatos de futbolín e tute: competicións populares abertas a tódalas idades con diversión e emoción garantidas.
- Xogos populares e restauración: haberá xogos tradicionais e campionato de futbolín para rapazada e persoas adultas, zona de restauración con servizo de comida e bebida, así como sorteos e grandes premios ao longo de ámbalas dúas xornadas.
A organización informa de que xa se atopa aberto o prazo para inscribirse no tradicional campionato de fútbol (barrios de arriba vs barrios de abaixo), así como nos campionatos de futbolín e tute. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición de xeito sinxelo a través da páxina https://penedorememberfest.com/inscripciones.html ou ben de xeito presencial nos puntos habilitados no bar a Carrasca e no bar do centro cultural de Parderrubias.




Comentarios recientes