Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, presidiu esta mañá a Xunta Local de Seguridade de Salceda de Caselas, xunto coa alcaldesa, Loli Castiñeira. Na xuntanza deste órgano colexiado analizáronse as estatísticas de evolución da delincuencia, que amosan, en palabras do subdelegado, unhas “espectaculares cifras”, cunha redución dun 20% no número de delitos entre xaneiro e marzo.

Loli Castiñeira quixo destacar que “a criminalidade mídese en estadísticas, non en emocións ou publicación nas redes sociais. Salceda é unha vila segura e así o avalan os datos. O traballo coordinado entre a garda civil e a policía local merece todo o noso recoñecemento e apoio, así como a lealdade institucional deste Concello”.

Segundo os datos achegados pola Garda Civil, Salceda pasou de 55 delitos no primeiro trimestre de 2025 a só 44 no período equivalente deste ano. Este 20% de baixada na actividade delincuencial vén reforzar a tendencia xa manifestada para o conxunto do ano pasado, cando a baixada neste municipio foi dun 8,3% con respecto ao 2024.

En termos comparativos, a taxa de delincuencia de Salceda está en 22 delitos por cada 1.000 habitantes, 8 puntos por debaixo da media provincial e case na metade dos 40 delitos por cada 1.000 habitantes da media nacional.

No detalle das estatísticas, analizouse o impacto da ciberdelincuencia, que é un fenómeno internacional e que, por tanto, ao non gardar relación coa delincuencia convencional, ou presencial, só pode combaterse con prevención e formación dirixida, fundamentalmente, ás persoas maiores, que son as vítimas máis frecuentes. Así púxose de manifesto que se no ano 2024 houbo 57 estafas relacionadas co mal uso das novas tecnoloxías, en 2025 a cifra subiu a 81. Por tanto, acordouse apostar pola organización de sesións do “Plan Mayor” da Garda Civil en colaboración co Concello.

A Xunta Local de Seguridade acordou tamén que o Concello coordine actividades de prevención no ámbito do “Plan Director para a convivencia nos centros educativos” coa intención de chegar ao colectivo de nais e pais da comunidade escolar. Asemade, confirmouse que Salceda acollerá unha das 21 sesións formativas da Dirección Xeral de Tráfico e a Subdelegación do Goberno para previr os atropelos a persoas maiores, dado que no que vai de ano un total de 5 persoas maiores de 70 anos teñen falecido na provincia cando camiñaban polas estradas. Dende a DXT agradeceuse o interese da Alcaldía de Salceda por sumarse a esta campaña preventiva.

En canto ao impacto da violencia de xénero detallouse que en Salceda hai 23 casos activos en VioGén, ningún deles en risco alto, 6 en risco medio e os 17 restantes en risco baixo. Hai 11 ordes de protección activas e unha das vítimas conta con teléfono Atempro e dispositivo Cometa. O Concello de Salceda está formalmente adherido ao sistema VioGén, polo que a Policía Local leva o seguimento de 2 vítimas, mentres o resto está baixo a atención da Garda Civil.

Finalmente, na Xunta Local de Seguridade acordouse afinar ao máximo a colaboración xa existente entre Policía Local e Garda Civil nos dispositivos relacionados con eventos festivos.

Share This