Salceda de Caselas acollerá o vindeiro 3 de maio a XIII edición da Corre X Salceda, unha carreira popular que, ano tras ano, segue a medrar en participación e repercusión, consolidándose como unha das citas deportivas máis destacadas da comarca.
A proba, organizada polo Concello de Salceda de Caselas, conta coa colaboración de diferentes entidades e colectivos locais. Agárdase a participación de máis de 700 persoas de todas as idades, que poderán escoller entre diferentes distancias adaptadas a distintos niveis.
Loli Castiñeira, Alcaldesa: “animo a toda a cidadanía a participar na festa do deporte salcedense ou a achegarse como público para gozar dunha xornada de deporte e convivencia en familia”.
A xornada deportiva dará comezo ás 10.30 horas coa saída das probas de 10 quilómetros e 5 quilómetros. Apenas cinco minutos despois, ás 10.35 horas, será a quenda da carreira de 2,5 quilómetros para persoas nacidas entre 2011 e 2013. Xa en horario de mediodía, a partir das 12.00 horas, desenvolveranse as probas correspondentes ao resto de categorías escolares, fomentando así a práctica deportiva entre a mocidade.
A organización da CorrexSalceda aposta cada ano por seguir promovendo o deporte e os hábitos saudables, pero tamén pola dinamización social e económica do municipio, atraendo visitantes e xerando un ambiente festivo nas rúas da vila, mostrando ao público a rede de sendas fluviais e algún dos espazos máis singulares da vila .
O concelleiro de deportes Marcos Troncoso destaca “o esforzo colectivo que fai posible este evento, así como a implicación do voluntariado e o apoio das empresas colaboradoras, e tamén as forzas e corpos de seguridade e protección civil que velan polo correcto funcionamento do evento”.
As inscricións continúan abertas ata o vindeiro mércores día 29 de abril. Toda a información está dispoñible en www.deportesalceda.gal.





Comentarios recientes