Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

O Pazo Pegullal acolleu o acto de graduación da 3ª promoción de bacharelato do IES Pedras Rubias o pasado venres. Foi sen dúbida un acto especial, xa que os e as 53 estudantes que este ano cursaron 2º de bacharelato entraron no IES Pedras Rubias en plena pandemia, nun curso escolar complexo e difícil, marcado polas restricións e as máscaras.

                Chefa Espiñeira, directora do centro, destacou na súa intervención que o acto tiña que servir para celebrar o froito do traballo e esforzo do alumnado, a súa dedicación e perseverancia, o tempo e suores invertidos estes anos, e especialmente nos últimos tempos, trasmitíndolle ao alumnado que “ademais de festexar a vosa graduación, celebramos tamén o final dunha etapa singular e entrañable que ben seguro quedará gravada para sempre nas vosas memorias e nos vosos corazóns”.

Conducido por Antía e Marta, dúas das recén graduadas, o acto serviu tamén para recoñecer o traballo do equipo docente do centro que guiou os pasos do alumnado durante estes anos, e ao mesmo tempo para trasladar os parabéns ás familias polo acompañamento realizado durante este tempo.

No evento tamén se recoñeceu a excelencia académica ás tres persoas que acadaron matrícula de honra, e que recibiron o seu diploma acreditativo polos seus bos resultados.

O acto celebrouse por terceiro ano no fermoso entorno do Pazo Pegullal, que a súa propietaria Charo Andrade pon á disposición do centro de xeito altruísta cada ano. A alcaldesa, Loli Castiñeira, a concelleira de ensino, Selene González, e o concelleiro de xuventude, Marcos Troncoso, asistiron tamén ao acto acollendo o convite recibido dende o centro para arroupar tamén o alumnado e ás súas familias.

Share This