O Concello de Salceda de Caselas rematou en tempo e forma os traballos do proxecto de renovación do alumeado público exterior, cun orzamento de 1.435.031,81€. Este importante proxecto está financiado na súa totalidade por fondos europeos a través do IDAE, constituíndo deste xeito a maior subvención da historia de Salceda.
Trátase dunha actuación integral no rural a fin de conseguir unha infraestrutura de alumeado segura e eficiente enerxeticamente, para o cal se levou a cabo unha renovación dos 53 cadros e dos 2.780 puntos de luz existentes nas parroquias do municipio, co que se conseguiu reducir o consumo de enerxía en máis dun 60%. A reforma levouse a cabo durante o ano 2024.
Marcos Troncoso, Concelleiro de Axenda Ecolóxica: «este investimento supón un fito para o noso Concello, porque ademais de conseguir a renovación completa da rede de alumeado público e o impacto indubidablemente positivo que isto suporá en canto a aforro enerxético e económico, implica tamén un paso adiante en termos de sostibilidade e no compromiso deste Concello por diminuír o seu impacto ambiental e contribuñir na mitigación do cambio climático».
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: «este proxecto é o resultado do traballo de moita xente ao longo destes últimos anos, que hoxe por fin se fai realidade. Estamos a falar da maior subvención da historia do noso Concello, que nos permitiu acometer unha reforma fundamental a custe cero para as arcas municipais».




Comentarios recientes