A alcaldesa do Concello de Salceda de Caselas e o presidente da Real Federación Galega de Fútbol asinaron o convenio de colaboración que suporá a redacción por parte da RFGF do proxecto de cambio de céspede do campo municipal da Gándara. O mesmo campo de fútbol acolleu o acto de sinatura do convenio, ao que asistiron tamén representantes da xunta directiva do Caselas FC, entidade que emprega o campo. Loli Castiñeira e Pablo Prieto asinaron este convenio co compromiso firme de conseguir o financiamento preciso para que o cambio poida ser unha realidade canto antes. Esta mesma colaboración seguiuse na recente reforma do campo de fútbol do Penedo Redondo, para a cal a RFGF asumiu a redacción do proxecto e o Concello conseguiu o financiamento para levar a cabo a obra a través da Deputación de Pontevedra.
Loli Castiñeira quixo agradecer esta nova colaboración da RFGF, e destacou a importancia de optimizar os recursos nun concello tan dinámico como Salceda, no que o seu tecido asociativo demanda continuamente novos espazos para poder levar a cabo as súas actividades: “temos a enorme fortuna de ter un concello vivo con numerosas iniciativas, tamén no eido deportivo. A nova directiva do Caselas FC, ao igual que o resto de directivas de Salceda, sabe que conta con este equipo de goberno para todas aquelas melloras que poidan realizarse en beneficio das súas actividades”.
O campo de fútbol municipal da Gándara é empregado habitualmente polo Caselas FC. O campo conta na actualidade con céspede natural, o que limita considerablemente o uso da instalación, posto que non é posible realizar alí os adestramentos para garantir as condicións óptimas do terreo de xogo para os partidos da liga. O cambio a céspede artificial suporía contar cunha nova instalación deportiva para adestramentos e partidos, non só do Caselas, senón tamén da escola de fútbol Denis Suárez que xestiona as categorías base no municipio, ou as escolas deportivas de Salceda que contan con equipo de fútbol feminino.
Marcos Troncoso, concelleiro de Deportes: “O paso de céspede natural do campo da Gándara a céspede artificial é unha oportunidade crucial para o crecemento do proxecto futbolístico en Salceda e supón, ademais, unha iniciativa estratéxica no fortalecemento das categorías de fútbol base e a promoción do fútbol feminino”.




Comentarios recientes