O Concello de Salceda de Caselas xa conta coa financiación para construír a nova pista de pump track nos terreos contíguos ao Parque Mártires de Sobredo, logo de solicitar a achega a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, que vén de aprobar a mencionada solicitude. O proxecto conta con un orzamento total de 52.010,78 €, financiados ao 100% dentro do PEID.
O equipo de goberno de Salceda visitou a zona da Rúa Mártires de Sobredo na que se vai construír esta nova instalación, e fíxoo na compaña do grupo de xóvenes que fai uns meses plantexaron esta demanda que hoxe por fin se fai realidade. Deste xeito, construirase un pump track asfaltado que permitirá o seu uso tanto por ciclistas, como por practicantes de calquera deporte sobre rodas sen motor, nun entorno controlado e seguro.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, quixo recoñecer e poñer en valor o traballo do grupo de rapaces de en torno a 16 anos que fai uns meses se atreveron a pedir unha cita con ela e co Concelleiro de Deportes, Marcos Troncoso, para solicitar a construción dunha pista de pump track asfaltada, explicando que viñan empregando a pista de terra existente no Torrón pero que precisaban unha nova zona onde poder seguir avanzando. O mesmo grupo de rapaces asesorou e colaborou co equipo de goberno en todo o proceso, buscando modelos de instalacións, empresas especializadas, e seguindo de primeira man todo o proceso ata a consecución da financiación. En palabras de Loli Castiñeira, “estes rapaces déronnos unha lección de implicación e de saber facer, e non podemos ter máis orgullo agora que por fin podemos facer realidade a súa petición. É un privilexio contar con unha sociedade así de activa, e emociona especialmente ver que uns rapaces tan novos, sendo incluso menores de idade, loitan polos seus intereses e o fan deste xeito, colaborando sempre dun xeito positivo para conseguir o seu obxectivo”.
Proxéctase a construción dun pump track composto dunha recta principal, unha variante semi recta de saltos e cinco curvas, con acceso dende unha rampla situada na Rúa Mártirs de Sobredo. O deseño trata de ocupar a maior superficie do terreo proposto en zonas rodables mantendo os radios de curvaturas adecuados para este tipo de instalacións, ocupando 730 m², para poder ofrecer ás persoas usuarias de diferentes capacidades técnicas zonas aptas onde practicar as súas habilidades co deseño máis adecuado. O percorrido constará de cinco curvas, dúas de 180º , unha delas de dobre radio con roller e tres curvas de 90º enlazadas entre si. Haberá unha variante exterior alternativa con saltos para persoas usuarias máis avanzadas e a zona de curvas enlazadas no interior será a variante principal. Este deseño garante variedade de zonas técnicas, todo tipo de curvas e rollers tanto individuais como combinados que funcionarán como saltos, pero que, ao mesmo tempo serán rodables. Este deseño garante que o pump track poderá ser utilizado á vez por persoas noveis e avanzadas, que poderán utilizar o mesmo percorrido, cada unha coa velocidade que mellor se adapte ao seu nivel e de forma segura. O mesmo percorrido progresará co nivel da persoa.
A consecución da financiación para o pump track coincide ademais coa aprobación da financiación de máis de 1.000.000 € para a urbanización do PERI A Gándara que dará continuidade á actual rúa Mártires de Sobredo, polo que nos vindeiros meses Salceda contará con unha nova zona totalmente urbanizada e con novas instalacións como a tan desexada pista de pump track.




Comentarios recientes