O vindeiro domingo 8 de marzo, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller, o Concello de Salceda de Caselas renderá homenaxe á súa veciña Amelia Cerqueira Estévez, que será homenaxeada como a primeira “Muller Infinita” do municipio.
A conmemoración polo 8M contará cunha ampla programación cultural e educativa que se prolongará ata o mes de maio. Está organizada en colaboración co tecido asociativo local, especialmente coa Asociación Treze Catorze. O teatro, a educación afectivo-sexual e o humor serán os eixos centrais dunha proposta que busca achegar á veciñanza os valores da igualdade e da xustiza social.
O acto principal terá lugar o propio domingo 8 de marzo ás 11:00 horas no Centro Social A Devesa, baixo o título “Muller Infinita”, dedicado a Amelia Cerqueira. A continuación, procederase á lectura do Manifesto pola loita dos dereitos das mulleres, no que participarán mulleres da Corporación Municipal e representantes do asociacionismo local.
Para Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, “Amelia representa a forza, a resiliencia e o compromiso de xeracións enteiras de mulleres que construíron o presente do municipio”. Con este primeiro nomeamento de “Muller Infinita”, Salceda inicia un recoñecemento institucional que nace coa vontade de ter continuidade e de manter viva a memoria das súas referentes.
O recoñecemento “Muller Infinita” nace coa figura de Amelia Cerqueira Estévez, veciña de Salceda que cumprirá o vindeiro mes 90 anos. Nada en 1936, coincidindo co inicio da Guerra Civil Española, Amelia é a sexta de nove irmáns e representa a xeración de mulleres que medraron nun contexto de enormes dificultades sociais e económicas.
Foi unha muller coidadora ao longo de toda a súa vida: atendeu ao seu irmán xordo, fíxose cargo dos seus sobriños cando a súa irmá emigrou, acompañou a unha veciña ata o final dos seus días e dedicouse plenamente á súa filla e netas. Nai solteira nun tempo no que a lexislación non recoñecía as familias monoparentais e no que os dereitos das mulleres eran practicamente inexistentes, afrontou a vida con valentía e determinación.
Amelia non puido asistir á escola e non sabe ler nin escribir. Mais iso non lle impediu ser unha muller independente, tanto económica como socialmente. É coñecida no municipio polo seu carácter loitador e traballador. Dedicou a súa vida ao pequeno comercio, vendendo pan ata pasados os 80 anos.
Neste recoñecemento colabora tamén a Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda de Caselas (ACISA), que quixo sumarse a esta homenaxe a unha das mulleres precursoras do comercio local.
O Goberno municipal e a veciñanza de Salceda buscan con este acto render tributo non só a Amelia, senón tamén a todas aquelas mulleres que abriron camiño con esforzo, silencio e dignidade, sen pedir nada a cambio.





Comentarios recientes