Tras o éxito das anteriores edicións do programa “Acompañámoste: Conciliación con corazón”, os Concellos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño continúan a traballar unidos para optimizar os recursos e garantir a igualdade e a conciliación nas familias dos seus concellos.
Favorecer a conciliación familiar e prover a corresponsabilidade nos coidados é un obxectivo claro para os gobernos de Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Por todo isto as alcaldesas, Loli Castiñeira e Marta Valcarcel, así como as concelleiras de igualdade, Selene González e Lorena Soto, veñen de reunirse en varias ocasións para deseñar e mellorar os seus programas de conciliación e igualdade e traballar de novo na solicitude conxunta de subvención á Xunta de Galicia para poder levar a cabo os diferentes programas. A subvención do Plan Corresponsables suporá unha axuda económica a estas entidades locais por parte da Xunta de Galicia e do Ministerio de Igualdade para reducir a desigualdade de xénero entre mulleres e homes nos coidados e na xestión do tempo.
Ambas Alcaldesas valoraron moi positivamente os resultados obtidos o pasado ano, polo que non dubidaron en volver colaborar e realizar unha nova solicitude de subvención mancomunada, convencidas de que o traballo conxunto ofrece sen dúbida un resultado moi favorecedor para as familias dos dous Concellos.
Salceda e Salvaterra traballan por segundo ano consecutivo na realización de campamentos municipais gratuítos que favorecerán especialmente á conciliación laboral durante a época estival do verán. Nos meses de xullo e agosto a infancia e a xuventude de ambos concellos gozará e aprenderá sobre o deporte e vida activa, a cooperación e a competición amigable. Ademais coñecerán a súa contorna mediante a promoción dun estilo de vida responsable e aprenderán sobre a ciencia, rachando cos roles de xénero, promovendo a igualdade e o compañeirismo e facendo comunidade.
A parte formativa virá coa III edición da “Escola de familias”. Realizaranse un total de 10 sesións para persoas adultas nas que paralelamente se adaptará a temática das sesións para a infancia. Esta distribución permitirá formar a familias e crianzas ao mesto tempo que permite a conciliación. Cinco das sesións serán no Concello de Salvaterra de Miño e as outras cinco no Concello de Salceda de Caselas e as familias poderán asistir indistintamente segundo as súas preferencias.
Como novidade para esta terceira edición, vén de solicitarse un apartado de sensibilización en igualdade a través do teatro que percorrerá as parroquias de ambos concellos.




Comentarios recientes