Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

A alcaldesa Loli Castiñeira e a concelleira de Benestar Social Selene González visitaron a esta veciña, que goza dunha moi boa saúde física e mental que lle permitiu conducir ata os 95 anos.

Dolores, coñecida agarimosamente por todos como Lola, vén de cumprir 103 anos de vida, converténdose oficialmente na persoa de maior idade de todo o municipio. A alcaldesa, xunto coa concelleira de Benestar Social, fixeron entrega dunha lembranza institucional a esta veciña extraordinaria, quen destaca pola súa amabilidade, lucidez e un espírito curioso que mantén intactas as súas ganas de seguir aprendendo cada día.

​Lola naceu en Salceda no seo dunha familia marcada polo seu tempo: filla de garda civil republicano, medrou atravesando o impacto das diferentes guerras, o desamparo da pobreza e a fame da época, vendo ademais como algúns dos seus irmáns tiñan que tomar o camiño da emigración sendo menores de idade. Sen embargo, Lola decidiu quedar e abrirse paso coa súa propia forza. Muller adiantada á súa época e cunha visión profundamente emprendedora, aproveitou a oportunidade para formarse uns días en Salceda cun perruqueiro que viña dende Barcelona aprendendo a facer a típica permanente tan de moda na época. Con esas pequenas nocións e moitas ganas comezou coas súas primeiras clientas en Ourense, lugar onde destinaron ao seu marido garda civil e donde viviron un par de anos. Posteriormente mudaronse a Redondela, onde asentou a súa verdadeira perruquería nun momento no que na vila apenas existía outro establecemento do sector e unha barbería. O éxito económico e a independencia financeira que acadou permitiron mesmo que o seu marido puidese deixar a Garda Civil para dedicarse a outras tarefas profesionais e comprar unha vivenda en Vigo onde pasaron os anos de infancia e mocidade dos seus fillos. Lola loitou encarecidamente para que os seus fillos puidesen estudar en épocas de moitas dificultades econimas priorizando a liberdade intelectuale  económica do futuro fronte a outras necesidades do presente, insistíndolles sempre en que “canto mías coñecemento teñades menos poderán mandar en vos”.

​Nai de dúas fillas e un fillo e rodeada de netas e netos, a traxectoria de Lola é un constante exercicio de autonomía e resolución. Cando o seu marido comezou a ter problemas de visión, Lola non o dubidou: aos 52 anos sacou o carné de conducir para asumir as rendas da mobilidade familiar, manténdose ao volante ata os 95 anos. Viúva desde os 80 anos, leva máis de dúas décadas vivindo de xeito totalmente independente na casa de planta baixa que construíron na súa Salceda natal, un fogar deseñado para garantir a accesibilidade tanto dos máis pequenos como dos maiores ao que se mudaron unha vez xubilados.

​Nesta etapa da súa vida, a muller máis lonxeva de Salceda segue gozando dunha saúde envexable e a pesar de que non pode ter a mesma activide constante, ela mesma conta como fai exercicicios de rehabilitación tres veces o día para manterse áxil e o máis independente posible. Lola mantén a súa paixón pola repostaría, elaborando persoalmente as súas coñecidas pastas e doces para obsequiar a cantas visitas recibe na súa casa. Xunto a isto, a súa inquietude intelectual ou como ela indica (a necesidade da época facíate ser lixeira e astuta) levouna a descubrir coa mesma enerxía a literatura pasados os 80 anos, dedicando dende entón ata fai moi pouco gran parte do seu tempo á lectura e ao coñecemento.

​Cunha ollada lúcida e crítica sobre a evolución da sociedade, Lola analiza con frecuencia a sorte que teñen as mulleres actuais en comparación coas restricións do pasado. Valorando a liberdade de movemento, a capacidade de ter un negocio propio ou a posibilidade de vestir como se queira, celebra especialmente as mostras públicas de afecto e agarimo entre as parellas, cousas prohibidas na súa xuventude. Da mesma maneira, observa con orgullo a transformación de Salceda de Caselas, unha vila que viu medrar, facerse máis diversa e que hoxe define como un lugar limpo, coidado e cheo de flores.

​Durante o acto, a rexedora Loli Castiñeira subliñou que «recibir á muller de maior idade do noso concello é conectar directamente coa historia viva e coa dignidade das mulleres da nosa terra. A súa elegancia, lucidez e a súa mente aberta son unha lección constante para todas e todos nós». Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social Selene González destacou a importancia de visibilizar referentes de envellecemento activo como o de Lola, quen demostra que a curiosidade e o desexo de aprender non teñen data de caducidade e son un exemplo claro parar romper cos prexuizos sobre o idadismo.

​Con este recoñecemento, o Concello de Salceda de Caselas rende tributo a máis dun século de vida cheo de valentía, traballo e pensamento libre, celebrando a presenza dunha veciña que segue a ser un orgullo para todo o municipio.

Share This