Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

A Fundación Denis Suárez presentou o proxecto «Deporte con Valores: Inclusión Social a través do Fútbol Base» á Convocatoria Solidaria TREZELUZES 2026, co obxectivo de garantir que ningún neno ou nena de Salceda de Caselas quede excluído da práctica deportiva por motivos económicos e de ofrecer apoio formativo e orientador á xuventude do municipio.

​A rexedora municipal, Loli Castiñeira, declarou que «a Fundación Denis Suárez sempre demostrou a súa vinculación e preocupación pola infancia e a xuventude en situación de vulnerabilidade social de Salceda. O traballo en rede é fundamental para que o presente e o futuro da nosa rapazada sexa seguro, coa garantía de que os seus dereitos estean cubertos. Agradezo enormemente o traballo que a Fundación realiza no noso concello».

​A iniciativa contempla a concesión de 20 bolsas deportivas para menores en situación de vulnerabilidade, o que lles permitirá xogar na escola de fútbol de Denis Suárez durante toda a tempada sen ningún tipo de custo, incluíndo tamén o material.

​Este programa tamén contempla un apartado de educación en valores dirixido a máis de 200 nenos e mozos, 22 bolsas de orientación formativa e laboral para mozos de entre 17 e 19 anos, así como actividades de participación e acompañamento familiar.

​Cunha financiamento solicitado de 32.650 euros e unha duración prevista duns tres anos, o proxecto beneficiará directamente a máis de 200 menores e mozos.

​Deste xeito, a Fundación e o Concello de Salceda de Caselas colaboran a través do persoal dos Servizos Sociais municipais para identificar e derivar as familias que poidan beneficiarse das axudas.

​A entidade destaca que esta iniciativa busca reforzar a igualdade de oportunidades, a inclusión social e o desenvolvemento persoal da infancia e a xuventude de Salceda, utilizando o deporte como unha ferramenta educativa e de transformación social.

​En palabras do propio Denis Suárez: «Salceda de Caselas é a miña casa, o lugar onde crecín e onde aprendín moitos dos valores que me acompañaron durante toda a miña vida. A través da miña Fundación queremos devolverlle ao noso municipio parte de todo o que nos deu, ofrecendo oportunidades a nenos, nenas e mozos para que poidan desenvolverse a través do deporte, independentemente da súa situación económica. Cremos firmemente que o fútbol é unha ferramenta de inclusión, educación e crecemento persoal».

Share This