As tres xornadas dos “cat dates”, organizadas por Gatopía Salceda no Centro Social A Devesa, reuniron a persoas interesadas tanto en coñecer aos gatiños que buscan un fogar como en pasar un tempo agradable na súa compaña.
Un dos grandes atractivos da tarde foi o obradoiro de personalización de bolsas tote que, do mesmo xeito que xa acontecera no mercado solidario “patas arriba”, volveu ter unha moi boa acollida. Cativada e maiores deron renda solta á súa creatividade, elaborando bolsas personalizadas nun ambiente distendido e familiar.
Ao longo das xornadas tamén se achegaron persoas con interese na adopción, que puideron coñecer de preto aos gatos e resolver as súas dúbidas, mentres outras simplemente gozaron dun espazo tranquilo para compartir un anaco con eles.
Gatopía Salceda instalou ademais un posto solidario con produtos da asociación, que contou cunha resposta moi positiva. Moitas das persoas asistentes colaboraron adquirindo algún artigo ou realizando doazóns, unha axuda fundamental para continuar co labor de rescate, coidado e procura de fogares para os gatos da asociación.
Desde Gatopía Salceda queren agradecer a colaboración e o apoio recibido durante esta primeira xornada e animan á veciñanza a participar nas próximas sesións dos “cat dates”, que continuarán todos os xoves do mes de xullo, combinando actividades, sensibilización e a oportunidade de coñecer aos gatiños que agardan por unha familia.
Gatopía Salceda, dende a súa creación a finais do 2023, leva xestionado a esterilización de 183 gatos en colaboración co Concello de Salceda, así como a adopción de 332 destes gatiños procedentes das diferentes colonias existentes no municipio.




Comentarios recientes