Praza do Concello nº12, Salceda de Caselas, 36470 Pontevedra

+34 986 349 003

A Praza de Abastos de Salceda de Caselas reabrirá este mércores, día de mercado, logo de máis dun mes sen servizo de venda de peixe fresco polas obras que se están a levar a cabo no edificio. O Concello acadou unha subvención de 196.589,04 € da Consellería de Comercio para sufragar o 80% das obras nesta III fase de reforma, aportando o propio Concello o 20% restante de fondos propios (49.147,26 €).

A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, quere convidar á veciñanza a coñecer estas instalacións renovadas e achegarse ao mercado para adquirir produto fresco, tanto nos postos fixos existentes no edificio ao longo de todo o ano como nas bancadas de venda de peixe os mércores: “os nosos praceiros e as nosas praceiras ofrécennos produto fresco e sobre todo produto de calidade, podendo atopar nun mesmo edificio peixe, carne, froitas e verduras e produto delicatesen e cafetería”.

O edificio vai presentar unha nova imaxe logo de que se cambiase o pavimento existente, de terrazo ata o de agora, e que pasa a ser un chan de morteiro armado con fibras de polipropileno, mellorando deste xeito a estanqueidade e salubridade na instalación. A superficie existente ata o de agora supoñía ademais un grave problema en canto á limpeza e evacuación das augas pola porosidade do mesmo, as fendeduras e a falta de pendentes, situación que se soluciona co proxecto executado. Ademais aproveitando a obra proxectouse unha nova disposición dos elementos de saneamento (canles prefabricadas, sumidoiros, etc) para facilitar o baldeo e limpeza do pavimento, así como a conexión destas á rede existente.

A outra parte da reforma consistiu na mellora da accesibilidade coa instalación dun ascensor montacargas que entrará en funcionamento nos vindeiros días, e que conecta directamente a zona de venda de produtos coa zona de aparcadoiro existente na parte posterior do edificio. O elevador permitirá ademais o acceso de mercadorías pesadas ao mercado, evitando que os vehículos das empresas provedoras accedan pola praza frontal como acontecía ata o de agora. Habilitarase tamén unha zona de recollida de pedidos para uso da clientela poñendo en valor a zona traseira da Praza de Abastos.

Selene González, Concelleira de Comercio, quixo agradecer a paciencia tanto dos praceiros e praceiras como da propia veciñanza, consciente de que as obras moitas veces producen incomodidades, aínda que inevitables na busca da mellora para o goce de todos e todas: “a nosa veciñanza pode xa acceder a esta instalación renovada e aos produtos que nela se ofrecen, dun xeito moito máis cómodo e nas mellores condicións”.

A Praza de Abastos serve na actualidade como eixo vertebrador e central do comercio de proximidade de Salceda. Nos últimos anos, realizáronse importantes investimentos no mercado, tanto nos postos fixos como nas zonas comúns, co obxectivo de mellorar a instalación. 

Share This