O Concello de Salceda de Caselas celebrará a vindeira fin de semana, sábado 14 e domingo 15 de Marzo, as XVII Xornadas da Camelia, unha cita xa consolidada que converte o municipio nun referente arredor desta flor emblemática. Esta edición contará cunha participación estimada de 70 expositores e expositoras procedentes de toda Galicia e tamén de Portugal, o que vén a constatar o crecemento e a proxección exterior dun evento que combina tradición, natureza e promoción turística.
Como principal novidade, as xornadas recibirán a visita dunha expedición do Concello de Vedra, que se desprazará a Salceda de Caselas tras a recente celebración do irmandamento entre ambos concellos arredor da camelia. Este encontro institucional reforza os lazos de colaboración e intercambio entre dous territorios unidos pola paixón por esta flor e a aposta común no patrimonio natural. O grupo de Vedra ademais realizará unha visita guiada ao Pazo de Pegullal, espazo emblemático de Salceda que forma parte da Ruta da Camelia.
A alcaldesa Loli Castiñeira sinalou que “estas xornadas son xa unha parte fundamental da identidade cultural de Salceda de Caselas e un exemplo de como a colaboración entre concellos, como neste caso con Vedra, permite medrar e compartir experiencias arredor dun patrimonio común”. A rexedora quixo tamén agradecer “o traballo das persoas expositoras, así como das persoas e colectivos sociais que fan posible que esta cita siga medrando ano tras ano”.
Outra importante novidade desta edición é a iniciativa “sabores da camelia”, que nace como colaboración entre a concellería de comercio e a Asociación de Comerciantes e Industriais de Salceda (ACISA), onde os locais de hostalería participantes ofrecerán un prato ou bebida asiática, na honra á orixe da camelia.
O concelleiro de Turismo e Axenda Ecolóxica, Marcos Troncoso, destacou que “as Xornadas da Camelia son unha oportunidade única para situar Salceda de Caselas no mapa do turismo floral e cultural, atraendo visitantes e dinamizando a economía local”, subliñando ademais “o orgullo que supón contar cunha participación tan ampla, tanto de Galicia como de Portugal”.
Durante a fin de semana, o público poderá gozar da mostra , nun ambiente pensado tanto para persoas afeccionadas como para visitantes.
As xornadas darán comezo o vindeiro sábado día 14 de marzo pola mañá, coa preparación dos traballos por parte das persoas expositoras que como de costume se distribuirán por todo o edificio consistorial. Ás 13.00 horas terá lugar o acto de das XVII Xornadas no auditorio municipal amenizada por un cuarteto de saxofóns da Banda Cultural de Salceda. O horario de visita ao público pechará as 21:00 h ambos días, e o domingo a apertura terá lugar as 10:00h da mañá.
Dende o Concello de Salceda de Caselas convídase á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas XVII Xornadas da Camelia, unha fin de semana para celebrar a beleza, a tradición e a cooperación arredor desta flor singular.





Comentarios recientes