Co gallo de conmemorar o día mundial do Alzheimer que se celebra o vindeiro 21 de setembro, o Concello de Salceda de Caselas e a asociación Afaga organizan un ciclo de charlas formativas titulado “Alzheimer e outras demencias: que son, pautas de prevención e actuación”. Nesta ocasión as charlas terán un formato itinerante, celebrándose nas diferentes parroquias en colaboración coas asociacións.
Juan Carlos Rodríguez, presidente de AFAGA: “Un dos obxectivos de AFAGA Alzheimer, compartido tamén polo Concello de Salceda, é chegar os núcleos de poboación máis próximos e por iso nos sentimos moi satisfeitos de que se contase con AFAGA neste ciclo de charlas que terán lugar en tódalas parroquias de Salceda e no que se abordarán pautas de prevención e sensibilización”.
Estas xornadas teñen como obxectivo fundamental o de sensibilizar sobre o idadismo, os diferentes tipos de demencias e información básica sobre as mesmas, a realidade das persoas coidadoras non profesionais de persoas dependentes, as formas de apoiar e comunicarnos con persoas afectadas polas demencias ou a importancia da prevención das mesmas.
En palabras de Selene González, Concelleira de Benestar Social: “Consideramos prioritario traballar en prevención, apoio e acompañamento das persoas con Alzheimer ou outras demencias, así como das persoas coidadoras. Agardamos que as nosas veciñas e veciños poidan aprender, aclarar dúbidas e compartir momentos con outras persoas que viven a mesma realidade”.
O ciclo deu comezo o pasado martes día 17 de setembro na parroquia de Entenza e rematará o día 25 de outubro na Picoña. A psicóloga encargada realizará un total de 9 sesións en horario de 17.00 a 20.00h, dirixidas á poboación en xeral, e poderase asisitir sen inscrición previa nos diferentes centros culturais das parroquias ou no Centro Social A Devesa, no caso da charla a celebrar no casco urbano.
Para completar esta inicativa, celebrarase tamén unha sesión dirixida ás forzas e corpos de Seguridade, á que están convidados Garda Civil, Policia Local e Protección Civil. Na formación abordaranse as pautas básicas de seguridade para persoas con demencias (comunicación efectiva e coidados), e como actuar en caso de desaparición.
Durante estas sesións tamén se informará dos recursos comunitarios e das actividades preventivas e de seguemento que se desenvolven durante todo o ano no centro de enfermedades neurodexenerativas cedido a Afaga por parte do Concello de Salceda na parroquia de San Xurxo.
Gabinete de prensa, 17 de setembro de 2024
- O concello
- Emprego e formación
- Turismo
- Concellarías
- Información municipal
- Directorio
- De interese
- Perfil do contratante
- Formularios e impresos